Gran homenaxe a Ofelia Neto

Antón de Santiago CRÍTICA MUSICAL

A Coruña

José Miguel Pérez Sierra, director de orquestra
José Miguel Pérez Sierra , director de orquestra CÉSAR QUIAN

Amigos de Opéraa cumpriu a homenaxe debida á gran diva da ópera do século XX

26 sep 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Cunha excelente función da ópera Pagliacci, Amigos de Opéraa cumpriu a homenaxe debida á gran diva da ópera do s. XX, a compostelá Ofelia Neto (1900-1931), co gallo de cumprirse cen anos do seu debut no Teatro Real no papel de Nedda e os mesmos cen do fausto homenaxe que aos 20 anos fixéronlle as máximas personalidades da cultura española.

A primeira virtude desta función é que foi representada. Rara avis, dadas as circunstancias e por iso máis atractiva. A obra, primeira de Ruggero Leoncavallo (1857-1919), con libreto propio, é obra mestra na conxunción texto-dramaturgia-música. Para empezar, o Prólogo, xenial didascalia posta en música que explica cabalmente as intencións do autor: «un anaco natural de vida, inspírase na realidade: amor, odio, dor, espasmo, rabia, riso cínica…». O Verismo. É esixente musical e vocalmente, con personaxes crave como Canio, o xefe dos pallasos, tenor dramático; Nedda, soprano líricospinto; Tonio, libidinoso bufón, baixo-barítono, e Silvio, terceiro en discordia, barítono lírico. A repartición era moi atractivo con Zeljiko Lucic, que, reposto, luciuse no Prólogo e deu a Tonio todos os matices Vanesa Goicoetxea, gentil e efusiva, voz fermosa e ben emitida, defendeu con soltura o canto dos paxaros e deu o punto dramático preciso ao desenlace da traxedia; Alejandro Roy, tenor de voz timbrada e con squillo (resonancias de Franco Corelli?), incorporou con gran eficacia ao atormentado Canio, con especial relevo no monólogo Recitar mentre preso dal delirio e o aria Vesti a giubba así como o determinante Non pagliaccio non son que precede á navallada que dá a Nedda e despois a Silvio. Papel que fixo con solvencia César San Martín; correcto E. Alberto Martínez como Beppe-Arlecchino. A OSG, dirixida por Miguel Pérez Sierra , na súa liña e con momentos brillantes que foron moi aplaudidos (¡cuidémosla!). Ben o coro Gaos. Escénicamente estivo á altura: a enxeñosa escenografía e a iluminación así como todo o movemento escénico e a dirección de actores de Ignacio García. Produción do Teatro da Zarzuela. Grandes e reiteradas ovacións.