Xosé Iglesias: «Querémoslle moi pouco ao mar, e este libro expresa xusto o contrario»

Carmen novo / a. á Coruña / LA VOZ

A Coruña

EDUARDO PEREZ

O poeta e mariñeiro da Costa da Morte presenta hoxe o seu último traballo, «Nación mar»

04 ago 2021 . Actualizado ás 09:57 h.

O poeta e mariñeiro Xosé Iglesias presenta esta tarde ás 20.30 horas na Feira do Libro o seu último traballo, Nación mar, un álbum ilustrado co que rende tributo aos barcos e cetáceos da Costa da Morte.

«É un berro polo mundo do mar e un homenaxe aos navíos de pesca. Querémoslle pouco ao mar, e este libro expresa xusto o contrario», di o autor. Fala do patrimonio marítimo da Costa da Morte nunha obra de denuncia e recordo dalgúns «mitos» da zona: «Refírome a barcos como O Xurelo, onde activistas galegos foron no 1984 para denunciar á opinión pública que os países do norte viñan tirar lixo ás nosas costas». Coa mesma finalidade, tamén rescata vocabulario tradicional náutico, descoñecido para moitos pero utilizado nas zonas de costa. O compoñente autobiográfico está nos debuxos dalgúns dos barcos nos que empezou a traballar.

Un álbum didáctico

Iglesias publicou máis poemarios, pero con Nación mar dá o salto á poesía visual. O libro é un álbum ilustrado composto de 40 láminas acompañadas por un breve texto de explicación: «Como se di, vale máis unha imaxe que mil palabras, e esa era a miña intención», explica, «xa que falo de barcos, que mellor que representalos e darlles así máis importancia». Fixo as ilustracións a man durante o confinamento: «Cada unha leva entre 25 e 30 horas, hai moito traballo detrás».

Un dos obxectivos era dar a coñecer a historia mariñeira de Galicia. «A pesca e o mar son algo moi descoñecido», di Iglesias . Por iso, quixo que o traballo fose accesible tanto para adultos como para nenos. Comenta que desde a publicación algúns profesores de escola interesáronse por el: «É un libro moi didáctico para aprender do noso pasado mariñeiro», explica.

Por iso, denuncia a falta de centros de interpretación na zona da Costa da Morte e insta a manter no recordo esta tradición mariña. «Están pasando un montón de baleas polas costas galegas. Hai moita xente interesada nelas pero, a diferenza doutros portos en Cantabria ou no País Vasco, non hai onde velas».