Unha visión dos 40 anos do Estatuto galego desde a Marina da Coruña

a voz A Coruña

A Coruña

A mostra poderase ver ata o próximo 13 de setembro

04 ago 2021 . Actualizado ás 19:52 h.

A mostra Unha Galicia mellor. 40 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia 1981-2021 poderase ver na Autoridade Portuaria ata o 13 de setembro. A exposición foi inaugurada este mércores por o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o director da Autoridade Portuaria da Coruña, Juan Diego Pérez; o vicepresidente primeiro da Mesa do Parlamento de Galicia, Diego Calvo; o comisario da exposición, Ruben Ventureira; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Trátase dunha exposición na que se narra a través de paneis, vídeos e carteis a transformación e modernización da sociedade galega ao longo dos últimos 40 anos, desde finais dos anos 70 cando se xesta a autonomía, ata o ano 2021 no que se conmemora a efeméride da promulgación do Estatuto de Autonomía o 6 de abril de 1981. Román Rodríguez sinalou que o Estatuto de Galicia «supuxo un triunfo da vontade popular e unha reivindicación dos valores democráticos que latexaban no seo da sociedade galega», ao mesmo tempo que trouxo consigo «un inédito esplendor cultural, lingüístico e educativo do que hoxe somos herdeiros e debedores».

O conselleiro lembrou tamén o especial protagonismo da Coruña, xa que foi esta provincia a que aglutinou o maior número de votos a favor do Estatuto, cuxo contido partía do texto orixinal de 1931 que fora aprobado na cidade herculina e desde onde se enviou ás Cortes Xerais do Estado. O proxecto expositivo está apoiado con datos e indicadores obxectivos referidos a cuestións do campo educativo, laboral, social, sanitario ou empresarial, entre outros. Neste sentido, móstranse campañas da Xunta elixidas pola súa especial significación e impacto social, pezas audiovisuais sobre a Galicia dos anos 80 (o referendo de 1980, as primeiras eleccións autonómicas ou a toma de posesión de Gerardo Fernández Albor) ou pezas destacadas como a Acta de Constitución da Asemblea de Parlamentarios de Galicia ou o álbum de recortes de prensa de Iglesias Corral .