A Coruña, Arteixo, Culleredo e Cambre soben ao nivel alto de restricións polo covid-19

T. R. A Coruña

A Coruña

MARCOS MÍGUEZ

Nese nivel, no que xa estaba Oleiros, será necesario presentar unha acreditación de inmunidade para acceder ao interior dos locais de hostalería

28 jul 2021 . Actualizado ás 13:17 h.

O avance da pandemia levou á Consellería de Sanidade a subir ao nivel alto de restricións no que xa se atopaba Oleiros aos municipios da Coruña, Culleredo, Cambre e Arteixo. O cambio de criterio anunciado a semana pasada en relación aos novos niveis de restricións e as incidencias acumuladas moduladas permitirá á hostalería destas localidades seguir aberta, cun 50 % de capacidade tanto en interior como en terraza, aínda que haberá un maior control no acceso. Para consumir no interior dos establecementos será necesario presentar un certificado que acredite unha pauta completa de vacinación , unha proba negativa cun máximo de vixencia de 72 horas ou un documento que acredite ter pasado a enfermidade. As novas medidas entrarán en vigor na noite do venres ao sábado.

Respecto das reunións, serán dun máximo de 6 persoas en interiores e de 10 en exteriores. Esas cifras poderán excederse nun só caso, se o número de persoas é maior pero está formado por tan só dúas unidades de convivientes. Entre as 1 e as 6 da madrugada só se permiten reunións entre convivientes. O lecer nocturno poderá ter abertas as súas terrazas cunha capacidade do 50 % e deberán pechar á 1 da madrugada.

Tres concellos da área coruñesa, Sada, Bergondo e Curtis sitúanse no nivel medio de restricións. A única diferenza que teñen respecto ao alto é que os establecementos de lecer nocturno poderán abrir, cunha capacidade interior do 50 % e en terraza ao 100 %, aínda que haberá que presentar algunha acreditación de inmunidade para poder acceder ao interior.