Novas queixas polos atrasos dos buses de Betanzos á Coruña

La Voz BETANZOS

A Coruña

Imagen de archivo de un autobús recogiendo viajeros en la plaza García Naveira de Betanzos
Imaxe de arquivo dun autobús recollendo viaxeiros na praza García Naveira de Betanzos dores vázquez

A Xunta comprométese a instalar un panel que informe das frecuencias e periodicidade

08 may 2021 . Actualizado ás 14:56 h.

A alcaldesa de Betanzos , María Barral, trasladou á xefatura territorial de Transportes da Xunta que xestiona o transporte público na comarca das queixas dos usuarios da ruta que une a localidade betanceira coa cidade da Coruña dos continuos atrasos que se están rexistrando nas liñas e da falta de información sobre a periodicidade dos traxectos, algo que veñen denunciado desde o pasado abril. Ademais, os afectados aseguran que botan en falta algún sistema que lles alerte dos horarios exactos das conexións.

A rexedora considera que ao longo das últimas semanas apreciouse un incremento «exponencial» deste tipo de problemas cos autobuses. Desde o concello teñen constancia de que moitos afectan os traballadores do Complexo Hospitalario da Coruña (Chuac), xa que as novas liñas implementadas pola concesionaria do servizo non coinciden coas quendas de entrada e saída no hospital, o que lles dificulta a súa organización, especialmente durante as fins de semana. Aseguran que ven obrigados a «adiantar horarios de entrada e saída e aínda así hai veces que non acadamos ningún autobús», o que lles xera un problema para regresar aos seus fogares tras a finalización da súa xornada laboral.

Desde a Xunta comprométense a dar solución a estes problemas, empezando pola instalación dun panel informativo para alertar aos usuarios da periodicidade e as frecuencias das liñas.