Grandes atascos en Iñás polas obras da ligazón da N-VI coa vía Ártabra

Alejandro García Chouciño
a. g. chouciño A Coruña / LA VOZ

A Coruña

ANGEL MANSO

Os veciños resígnanse ás molestias por «unha actuación necesaria»

24 abr 2021 . Actualizado ás 22:43 h.

Unha de cal e outra de area. Os veciños de Iñás recorren ao refraneiro español para soportar as continuas retencións que se producen na N-VI . «Vemos necesaria a vía Ártabra porque o día de mañá vai quitar moito atasco ao que é a N-VI , pero agora mesma coas obras estamos a padecer atascos», relata o presidente da Asociación de Veciños O Hórreo de Iñás, Óscar Deus. No seu caso, explica que ten unha nave ao pasar xusto a rotonda en forma de oito, en Coiro, e que isto lle afecta ao seu persoal: «Eu teño a tres persoas traballando e ás veces chegan tarde porque se atopan co atasco no Carballo».

No entanto, Deus precisa que estes problemas son para gozar dun beneficio maior a medio e longo prazo. «Adoitamos atoparnos colas para subir e para baixar, e pasamos varias veces ao día pola N-VI . Pero é o que digo, nun futuro chegaremos antes. Hai que aguantar. Se algo se quere hai que sufrir». Os traballos para prolongar a vía Ártabra ata Cambre iniciáronse a finais do 2020 e estímase que se prolongarán durante un ano. Isto supón que onde antes había dous carrís agora, coas obras, hai só un. A UTE formada por Arias Infraestruturas SA, Construcións Taboada e Ramos SL, Francisco Gómez e Cía SL é a responsable do novo tramo da vía Ártabra e tamén a encargada de xestionar os danos colaterais no tráfico desta transitada estrada nacional. «Como haxa un accidente pequeno entón xa esquéceche. Co sinistro mortal de hai uns días cun camión, ese día, chegaron as retencións ata a ponte da Pasaxe ao parecer. Pero tamén son causas excepcionais», argumenta Deus.

O peor momento para circular por este viario é entre as 8.00 e as 9.30 horas. «É en hora punta. As horas nas que se concentran as entradas e saídas dos colexios, nas que entra e sae a xente de traballo . As colas poden chegar ata o centro comercial de Iñás», sinala o presidente da entidade veciñal. 

Mellorar o tránsito na zona

A finalidade desta actuación, segundo sinalara a Consellería de Infraestruturas cando se comezou, é mellorar as condicións de seguridade viaria e a fluidez nas comunicacións entre os municipios de Cambre, Oleiros, Sada, Betanzos e A Coruña.

Ademais, este investimento prodúcese tamén co crecemento de actividade que se rexistrou nos últimos anos en Iñás. «Antes non había ese centro comercial. Agora viñeron moitos negocios que teñen tamén aos seus empregados traballando aí e que utilizan este viario para desprazarse. Tamén temos no polígono unha zona de supermercados e cafeterías que non había antes. Todo inflúe. É máis tráfico para a zona», sostén Deus. Con todo, conclúe que «o importante é que Iñás crece. Se hai que agardar un pouco pois se agarda».