Adeus ao can de palleiro que nos ensinou a «vivir como galegos»

A Coruña

Fusco, un perro de cine, con parte de su familia, Ernest y el educador canino Octavio Villazala
Fusco, un can de cine, con parte da súa familia, Ernest e o educador canino Octavio Villazala MARCOS MÍGUEZ

Allo, Fusco en casa, protagonizou as campañas publicitarias máis famosas de Galicia, traballou na serie «Fariña», gañou un premio nacional de cine e sandou coa súa compaña a moitos nenos no materno da Coruña

18 sep 2021 . Actualizado ás 13:36 h.

Saldando unha débeda histórica, o can de palleiro converteuse en can de anuncio e deunos unha lección, a do orgullo tranquilo que non pisa aos demais. Fóisenos Allo, ou Fusco, o animal que valía por dous, o can que nos ensinou a presumir como galegos, a mirar de fronte, longo, pausado, alto, fondo. Hai moito que aprender da nobreza branca do animal, da súa empatía. Fóra de casa era Allo. Entre os seus, Fusco. E do nome artístico ao máis seu, ao que lle puxo o seu «papá», o educador canino Octavio Villazala, o can de palleiro máis famoso de Galicia era galego cen por cen.

«Allo era bonito, listo, sorprendente, pero cada vez que alguén preguntaba: "Que raza é?". "Can de palleiro...". "Pois parecía unha raza...". "É unha raza, pastor galego!"», vemos na alegría de anuncio que nos deixou. A estrela canina da campaña de Gadis Vivamos como galegos!, can para o cine, a sanidade e a educación, pide un réquiem cun coro de guaus.

Fusco morreu fai uns días, en casa, en familia, con 14 anos case 15, deixando un exemplo de fidelidade ás leis da vida que só acadan os mellores adolescentes antes de replegar a súa esperanza á voz de mando adulta do desencanto e a mediocridade. Allo era Fusco para o bicheiro, para Octavio Villazala. O home que educa aos cans perde, di emocionado, a un dos seus «fillos». Ao primeiro, porque Ernest, o neno que Octavio adoptou en Senegal, chegou a casa despois. «E como o acompañou Fusco en todo. O neno tiña medo e o can sempre estaba con el. Había unha complicidade enorme entre os dous». Fusco, todo luz, era a sombra de Ernest.

O pastor galego de cine deixa 14 anos de «amor incondicional». «Cando chegou a casa, ao principio non o quería», confesa Octavio. «Metíaseme debaixo do coche, escondíaseme... e eu pensaba: "¡Que can máis raro!". Non sabía que era galaico. É como nós, ¡que non somos andaluces! Entramos na casa e xa estamos dándolle ao queixo». Octavio pensoullo, quíxoo devolver. «Pero de súpeto houbo unha mirada, iamos no coche, o can miroume e dixen: 'Pobriño, igual é tímido. Sabe Divos onde vai ir...». Octavio recuou, adoptouno e Fusco salvouno a el. «Como era tan zulú, leveino a escola de pagamento, a Montegatto, e empecei a darme conta de que era moi intelixente, intuitivo, cunha gran capacidade de adaptación e co don de sandar coa mirada», lembra.

A carreira laboral de Fusco foi longa e exitosa, «e máis aló da fama».  Visitou «todos os colexios habidos e por haber» na provincia da Coruña, recibiu un premio da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España, traballou na serie Fariña e sandou coa súa presenza a moitos nenos das plantas terceira e sexta do hospital materno da Coruña.

«Foi o meu amigo, o que me acompañou cando tiven o primeiro cancro, e no segundo cancro, nos momentos máis duros da quimioterapia, cando eu me sentía morrer. Fusco foi o meu confidente, o meu pano de bágoas, o meu amigo e o meu mestre», celebra Octavio Villazala, que está recibindo o abrazo de miles de mostras de afecto de toda España.

Grazas, Fusco, listo como un Allo, grazas por ensinarnos a vivir sempre no presente. A vivir como galegos!