Seis anos para construír o Novo Chuac

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago A Coruña

A Coruña

Al fondo el complejo hospitalario de A Coruña
Ao fondo o complexo hospitalario da Coruña MARCOS MÍGUEZ

O convenio que hoxe irá a pleno prevé que a Xunta invista 431,4 millóns ata o 2027

27 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O pleno do Concello debaterá hoxe o convenio pactado entre a Xunta e o goberno local para construír o Novo Chuac, que será o maior investimento da historia da Administración galega na cidade, cun orzamento de máis de 430 millóns. 

Xunta

A principal obra. O convenio prevé que o Goberno galego invista no novo hospital 431,4 millóns de euros ata o ano 2027. Eses fondos destinaranse a distintos fins, de acordo ao anexo de investimentos incluído no convenio Xunta-Concello.

En primeiro lugar, entre este ano e o arranque do 2022 dedicaranse 13,08 millóns ás obras da fase 0, recentemente autorizadas polo Concello.

A redacción dos documentos técnicos urbanísticos, proxectos básicos e de execución ou asistencias técnicas, nos que se prevén investir 7,45 millóns, empezarán a tramitarse leste mesmo ano e continuarán ata o 2027, a medida que avancen os traballos.

Os traballos de demolición executaranse entre o 2022 e o 2023 e requirirán ata 10,46 millóns.

As obras para a urbanización e accesibilidade ao centro, valoradas en 22,4 millóns, empezarán no 2023 e finalizarán no 2026.

A instalación de equipamentos tecnolóxicos iniciarase este ano e rematará ao acabar as obras, requirirá un investimento de cen millóns de euros. A construción de aparcadoiros disuasorios, á que se destinarán tres millóns, rematarán no 2023.

Finalmente, as obras do novo hospital en si contan con 264 millóns de euros, que se executarán desde este ano -a fase cero- ata máis aló do 2027.

Concello

Máis de 26 millóns. O anexo de investimentos prevé que o Concello invista máis de 26 millóns na súa parte do proxecto, que consiste en facilitar servizos de subministración de auga, saneamento, electricidade, iluminación, telefonía, recollida de lixo e transporte público ao hospital (1,8 millóns), financiar a adquisición de terreos (12 millóns), construír os accesos viarios e urbanizar a zona (10,2 millóns), ceder unha parcela municipal para levantar o centro (2,32 millóns) e aprobar a exención do IBI para o novo hospital mentres estea en funcionamento. 

Os cambios

Compromisos concretos. O convenio é, na súa maioría, similar ao borrador que a Xunta enviou ao Concello da Coruña en maio do ano pasado, cando se acordou lanzar o proxecto do Novo Chuac. Pero a redacción definitiva do documento recolle cambios que concretan os investimentos da Xunta e valoran en máis detalle as achegas do Concello.

O documento orixinal só indicaba as achegas do goberno local, pero non detallaba os investimentos da Xunta nin o seu prazo de execución. Eses datos hanse incluído tras as negociacións co executivo municipal.

O novo documento concreta os investimentos municipais e valóraas en detalle. No documento orixinal, a achega de María Pita valorábase en 22,2 millóns de euros, mentres que agora ascende a máis de 26 millóns.

Ese cambio foi criticado pola Marea Atlántica, pero en realidade a achega municipal non variou. A diferenza é que no documento orixinal non se contabilizaba o investimento en servizos nin se incluía a valoración da parcela municipal. É dicir, a achega do Concello agora aparece contabilizada na súa totalidade.

O novo convenio prevé ademais que sexa a Xunta a que execute as expropiacións, aínda que as financie o Concello, e abre a porta á participación doutras institucións no plan.

Os informes técnicos

Todos favorables. Tanto o secretario como o interventor emitiron informes favorables á firma do convenio. O informe da intervención expón algunhas observacións, recomendacións e advertencias, pero subliña que «non existe reparo ou disconformidade» á rúbrica do pacto. Entre outro motivos, porque o documento prevé a firma de novos acordos para pechar o financiamento, e abre a porta ao apoio doutra Administracións como a Deputación provincial. 

A oposición

O PP garante a obra. O convenio sairá aprobado do pleno de hoxe. Contará co respaldo do goberno socialista, que convocou a sesión, e co do grupo do PP, que destacou a vontade da Xunta de «blindar» a sanidade pública na Coruña. O propio presidente galego virá en próximos días á cidade, probablemente o luns, a asinar o acordo. A Marea, pola súa banda, tachou o texto de «chapuza», mentres que o BNG criticou que non se lle deu máis tempo para estudar o texto de dez páxinas.