Nós, os torpes

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña

Teño unha relación complicada coa realidade desde hai polo menos 49 anos

26 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Teño unha relación complicada coa realidade desde hai polo menos 49 anos. Digamos que a realidade e eu necesitamos unha terapia de parella intensiva e urxente, en plan telefilme de sobremesa, para guindarnos dunha vez todos os reproches á cara diante da psicóloga e reiniciar o noso tortuoso matrimonio.

A min dásme unha realidade calquera, incluso a realidade nada real de agora mesmo, e o resultado desa interacción parécese moito aos problemas de encaixe no planeta Terra que teñen todos xuntos Rompetechos, o inspector Clouseau e Mr. Bean.

Isto pódese resumir dunha forma basta dicindo que son torpe para as cousas tanxibles ou, se nos pomos finos, argüindo que cando Kant -outro que vivía na última bufarda das nubes- escribiu a súa Crítica da razón práctica non estaba a pensar precisamente en min. Coa razón pura aínda me levo, pero a razón práctica e eu non temos química.

Como saben os fans de Mr. Bean e dos cómics de Bruguera, isto de tropezar coa realidade acotío consiste en que che agachas para recoller un boli do chan e, ao incorporarche, vesche nunha escena de cine mudo na que provocas unha inundación, un incendio e un apocalipse atómico á vez.

De ser futbolista, sería aquel glorioso Julio Salinas do Dépor que desquiciaba ao defensa polo seu xogo imprevisible -a ver quen adiviñaba a súa intención- e, escorregando na área tras pegar unha patada ao aire, acababa por meter un gol coa cacha e marcha atrás, igual que Clouseau acababa por pillar ao caco case sen querer, tras desesperalo co seu carrusel de descoidos.

Agora que a que está desamañada é a realidade, os Julio Salinas da vida estamos a desexar que o mundo deixe de ser un desastre para poder volver selo só nós, que para iso estamos.