A beleza crepuscular

Antón de Santiago CRÍTICA MUSICAL

A Coruña

24 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Como un andante sostenuto continúa a tempada da Sinfónica de Galicia. No 10.º de abono tiña como director invitado ao italiano Carlo Rizzi (1960), e como solista á soprano israelí Chen Reiss (1978). En programa, as Catro últimas cancións de Richard Strauss (1864-1949) e a 8. ª sinfonía en sol maior de Antonin Dvorak (1841-1904). Aos 84 anos, Richard Strauss tiña no seu haber unha inxente e paradigmática produción de sinfonías, poemas sinfónicos, óperas e coleccións de lieder . Toma tres poemas de Hermann Hesse, autor do lobo estepario, e un de Von Eichendorf, e compón a modo de Abschied catro xoias da canción. O editor titulounas Vier letzte Lieder e deulles a orde: Primavera, que compara ao ser amado co florecer da estación; Setembro, no que o verán agarda o seu final; Ao irme a durmir, entrega ao círculo máxico da noite, e Crepúsculo: collidos da man, cansos do camiño, é isto a morte? Na parte vocal hai unha homenaxe á súa estrañada Pauline e na orquestral, co papel das trompas, ao seu pai. Strauss faleceu antes da estrea (Londres, 1950).

As cancións son un prodixio de inspiración melódica, adecuación ao texto e uso da voz. A orquestra é suxestivo universo no que vive o canto. O inicio da cuarta é un ceo irisado coas cores do solpor (pura sinestesia). Reiss, voz fermosa, magníficamente utilizada, gran musicalidad, fixo interpretación cabal. A dúbida: se a súa voz é aínda demasiado lírica, pola orquestación e características do recinto. A batuta de Rizzi e a resposta orquestral, imprescindibles para o gran nivel obtido.

A oitava sinfonía compona Dvorak mentres se dedica á colombofilia. Hai inspiración bucólica e expresión de diversos estados anímicos. Os iniciais Allegro con brío e Adagio alternan enerxía e calma buscando asentarse. Xa o Allegretto grazioso exprésase en danza a modo de vals popular e o Allegro ma non troppo enriquécese temáticamente a través das distintas seccións e os sos para concluír intensamente en volume e tempi. Condución precisa e enérxica de Rizzi, secundado pola orquestra coa solvencia habitual. Moi aplaudidos.