Os filósofos do barrio

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña

ANGEL MANSO

01 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Decátome por Twitter de que Baruch Spinoza non é un xudeu portugués de Ámsterdam, senón un tuitero dos Mallos que asina os seus mandobles metafísicos como Dereita Spinozista.

Eu cría que nos Mallos, con esa teima de pór ás súas rúas nomees de ríos, que se río Xallas, que se río Sil, que se río Sarela, eran máis de Heráclito, o que non se daba bañado dúas veces no mesmo río, pero vese que a Heráclito pedíronllo os de Monelos, que para iso teñen canle propia.

A Coruña vai tan sobrada de pensamento que aquí a filosofía vai por barrios. Na Cidade Vella somos máis ben medievais e andamos dubidando entre santo Tomás de Aquino -polo que tuercen os dominicos- e Guillermo de Ockham, o da navalla, que ten os seus fans na rúa San Francisco. Na Marina son máis clásicos e fanse os presocráticos paseando pola Dársena mentres Aristóteles e Platón pescan xardas ao pé do dique de abrigo.

Algo máis arriba, os romanos da rúa da Torre citan en latín a Séneca e a Marco Aurelio mentres agardan resignados a que reabran as tabernas de Monte Alto.

Pola praza de Lugo e a de Vigo prefiren a Descartes, por algo viven nunha cuadrícula, pero en canto un achégase a Riazor a cousa ponse menos xeométrica e máis turbulenta. Xa en Labañou, o que triunfa é Nietzsche, por rifas, e no Ventorrillo queren ao díscolo Schopenhauer case tanto como a Pucho Boedo.

En Cidade Xardín son kantianos polo prestixio que aínda teñen alí as categorías, e no océano humano da rúa Barcelona son moi da dialéctica de Hegel.

Eu, que crecín co nariz pegado ás beirarrúas de Peruleiro, quedo con Leibniz, que foi quen me ensinou que en cada átomo desta Coruña infinitesimal palpita o universo enteiro.