Un ciclo de concertos en «streaming» para apoiar ás salas da Coruña

Fernando Molezún A Coruña

A Coruña

Fernando Molezun

Constará dun total de 21 actuacións repartidas entre a sala Filomatic, Garufa Club, Jazz Filloa, Mardi Gras, Praia Club, Inn Club e Pelícano

01 dic 2020 . Actualizado ás 15:16 h.

O Concello da Coruña pon en marcha un ciclo de concertos que se retransmitirán por streaming desde as salas da cidade co obxectivo de apoiar ao sector. As salas de concertos da cidade están a atravesar a que cualifican como a peor crise que lembra o sector, derivada das medidas restritivas aplicadas aos espectáculos e eventos culturais e á hostalería para conter a pandemia. Por este motivo a alcaldesa Inés Rey presentou este martes na Domus este ciclo patrocinado polo Concello e que se pon en marcha coa colaboración do Consorcio de Turismo, que constará dun total de 21 actuacións repartidas entre a sala Filomatic, Garufa Club, Jazz Filloa, Mardi Gras, Praia Club, Inn Club e Pelícano; todas elas de artistas e grupos de diferentes estilos procedentes da cidade e a súa comarca.

Os concertos comezarán a gravarse nas salas estes próximos días para, despois de editados, publicalos en streaming a través das webs destes establecementos, entre a segunda metade de decembro e a primeira de xaneiro, para que poidan ser gozados gratuitamente pola cidadanía. No caso de que as restricións sanitarias se relaxen, poderían abrirse estas gravacións ao público, coas capacidades e condicións reguladas por cada sala.

Astrogirl, Allova, Luis Mouro, Marian Ledesma & Tinaquero Brothers, Carolina Rubirosa ou Cloaca son algún dos artistas participantes nesta iniciativa que foi apoiada na súa presentación por representantes dos distintos escenarios da cidade. 

Doazón da República Musical

Fernando Molezun

Doutra banda, minutos antes da presentación deste ciclo, os responsables da asociación República Musical Mardi Gras, creada recentemente para apoiar ás salas e a música en directo na cidade, fixo un primeiro donativo de 2.500 euros a beneficio de Garufa Club, Mardi Gras, Jazz Filloa e o definitivamente pechado BâBâ Bar. Unha primeira medida de apoio a un sector que, aseguran os responsables, «se non cambian as cousas con rapidez, está condenado ao peche».