O Concello da Coruña considera que o convenio da Xunta para o Novo Chuac «roza a ilegalidade»

La Voz A Coruña

A Coruña

MARCOS MÍGUEZ

María Pita insta o Executivo de Feijoo a incluír prazos e compromisos económicos concretos no documento, que cualifican de «incompleto e parcial»

24 oct 2020 . Actualizado ás 14:16 h.

O acordo ao que deben chegar a Xunta e o Concello da Coruña para o desenvolvemento do Novo Chuac está xerando certa tensión entre ambas as institucións. Hai dúas semanas o ente autonómico apremaba ao goberno de Inés Rey a que dese resposta á proposta de de convenio remitida o pasado 5 de maio e agora é o executivo local o que insta a Xunta a incluír prazos e compromisos económicos concretos no citado convenio, un documento que cuestionan os informes municipais e que mesmo consideran «incompleto e parcial». «Non figura unha cuantificación do importe das obrigas económicas que se contraen por parte da Xunta no borrador do convenio (...) deberían figurar de modo explícito», expón un dos informes.

O portavoz do goberno local e concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Lage Tuñas, asegura que desde María Pita «levamos meses traballando coa man tendida para canalizar este asunto» e cre que o convenio «non só é mellorable, senón que nalgúns aspectos roza a ilegalidade».

Desde o Concello da Coruña explican que a proposta de convenio remitida pola Xunta recolle o compromiso do goberno local de asumir o pagamento de 22 millóns de euros, unha cantidade na que podería colaborar a Deputación provincial, pero «non recolle ningunha cantidade a asumir pola Xunta, non constan prazos e non figuran as obrigas que asumirían as consellerías de Sanidade e Infraestruturas». 

«A Xunta, que ten competencias en Sanidade, pode empezar mañá mesmo se quere a renovación do Chuac, sen ningún impedimento. De feito, é a súa obriga. Se ademais quere contar coa colaboración do Concello, o lóxico é que se sente a falar, e non que nos pida que asinemos un cheque en branco», afirma Lage Tuñas. Os informes xurídicos cos que traballan en María Pita poñen en dúbida tamén que o Concello poida asumir o custo de determinados investimentos que «corresponde ao Sergas dentro das súas competencias».

A Xunta pide ao Concello «a mesma urxencia que coa intermodal» 

Pola súa banda, a Xunta solicita ao Concello «a mesma urxencia co desenvolvemento do novo hospital que a que está a demostrar coa intermodal» e explica que para o segundo, o goberno local «tardou só 11 días desde o peche do texto do convenio marco en emitir o perceptivo informe xurídico municipal». 

O Executivo autonómico asegura que a proposta de convenio remitida ao consistorio coruñés «recolle os principios acordados por ambas as dúas administracións nas reunións mantidas sobre o asunto» e cifra en 22 millóns a achega máxima das arcas municipais fronte aos 418 que terá que pór a Xunta. Ademais sinala que o convenio non establece un máximo para a achega económica, de maneira que «a Xunta se compromete a asumir os excesos de custo que poidan xurdir durante o desenvolvemento do proxecto».