Francisco Martín Ossorio: «Todos estudan a Guerra Civil ou o nacionalismo galego, pero non a construción do franquismo, aínda hai medo»

Mila Méndez Otero
mila méndez A Coruña / LA VOZ

A Coruña

molina
CESAR QUIAN

O farmacéutico e historiador da Coruña publica unha biografía de Alfonso Molina que é, ao mesmo tempo, o retrato dunha época pouco explorada na cidade

26 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O que foi alcalde da Coruña entre 1947 e 1958 serve como fío condutor para falar da posguerra na cidade no libro Alfonso Molina Brandao. Un alcalde do seu tempo, que publica o selo editorial de Arenas e que está á venda nas librerías herculinas. Con prólogos do historiador da USC Emilio Grandío e dos exalcaldes Francisco Vázquez e José Manuel Liaño, o farmacéutico e historiador Francisco Martín Ossorio asina unha lectura de máis de 800 páxinas «honestas e o máis obxectivas posibles».

-Por que Alfonso Molina?

-O primeiro franquismo, que vai desde o golpe militar en 1936 a 1958, cando empeza o desenvolvismo dos sesenta, coincide co paso pola política, por así dicilo, de Alfonso Molina. A través da súa biografía, en paralelo, trazo unha biografía da cidade. El é relevante porque participou nos feitos máis importantes desa época. A finais de 1936 noméano presidente da cámara da propiedade. Por este cargo formou parte da Junta Pro Pazo que dirixía Pedro Barrié, e, ao ser ademais enxeñeiro da Deputación, participou nas obras de ampliación, traída de augas e accesos a Meirás. É así como entra en contacto con Franco e Carmen Polo. En 1947, directamente, Franco dille ao gobernador civil que o nomee alcalde. Ocupa o cargo ata 1958, cando morre no Brasil durante un congreso. O seu falecemento, aos 51 anos, espertou moitas habladurías.

molina
CESAR QUIAN

-Era un home de Franco.

-Era fiel a Franco, un franquista, aínda que non falanxista, tivo moitos enfrontamentos con eles.

Pero logo, foi un bo alcalde. Atopouse un Concello no que non había un duro e conseguiu revitalizar a cidade. Pola vía anímica, pola súa forma de ser, recuperou os entroidos de Monte Alto, por exemplo. Tamén lle deu un impulso económico enorme, a pesar das dificultades. A nivel nacional, o franquismo era incapaz de controlar a inflación e os ingresos dos municipios eran bajísimos. A súa forma de actuar era: «Faise, despois xa vemos como o pagamos».

-Cales son os peros?

-Non todo en Molina é positivo, considerárono moi personalista e mal xestor. Ao acabar o seu mandato, o Concello estaba na ruína, cunhas débedas tremebundas, aínda que iso si, as obras aí quedaron: a avenida que agora leva o seu nome, impulsou Alvedro, con el compráronse os terreos da fábrica de armas, pavimentouse a Cidade Vella e a rúa Real e iluminouse a cidade. Tamén se comprou a casa Cornide, que en 1962 pasa a Barrié por unha poxa e logo este regálalla a Carmen Polo. Franco viña aquí todos os veráns. Durante tres semanas A Coruña era a capital de España. Facíase un consello de ministros en Meirás todos os anos e Molina trataba que a cidade estivese á altura. Unha urbe de 160.000 habitantes non podía aguantar iso, non tiña capacidade económica.

-Con Carmen Polo a relación foi especialmente boa.

-Si, estupenda. Foi o presidente do Casino e invitaba os Franco ás verbenas no Leirón, en Juan Flórez. Se non estivese na Junta Pro Pazo nin fose o enxeñeiro das obras de Meirás non fose alcalde. A relación era directa, moi directa, cos Franco.

-Métese en terreo comanche?

-Na posguerra tiñamos aquí ao xefe do Estado, ao ditador, e con todo ninguén estaba a escribir sobre o que pasou. O historiador Emilio Grandío díxomo. Toda a xente quere estudar a Segunda República ou o nacionalismo galego, pero a construción do franquismo ninguén a estuda, aínda hai medo. Parece que ou che van a tachar de franquista ou pola contra. Efectivamente, é un tema conflitivo, pero pasou e hai que falar diso.