Adxudicada a reforma do mercado de Adormideras

a voz A Coruña

A Coruña

PAULA QUIROGA

Abenconsa encargarase dos traballos, que poderían comezar en mes e medio e estar rematados antes do verán do próximo ano

26 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello coruñés adxudicou unha das obras máis demandadas no barrio de Adormideras, a que permitirá reformar o mercado alí situado. O prezo de licitación rozaba os dous millóns de euros e, finalmente, a adxudicación quedou en 1,5 millóns, dos cales se financiarán o 80 % con fondos Feder. A empresa encargada de levar a cabo a actuación será Abeconsa. O proceso formalizarase en, como máximo, 15 días e a empresa terá outros dez para elaborar a acta de reformulo. Por todo iso, a obra podería comezar en, aproximadamente, un mes e medio. O prazo de execución fixado é de sete meses.

Esta reforma inclúese dentro do plan do goberno municipal para mellorar os mercados dos barrios da cidade. A alcaldesa, Inés Rey , declarou no seu momento que esta é unha «clara aposta polo comercio de proximidade, tal e como quedou demostrado nesta crise sanitaria, e pola creación de espazos urbanos de calidade nos barrios». Outra das instalacións deste tipo que o executivo coruñés ten en marcha é a de Monte Alto, outra reclamación histórica dos veciños da Coruña.