María Rey Vila: «O covid pode acabar co club»

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A Coruña / LA VOZ

A Coruña

CESAR QUIAN

O Acuatic de natación sincronizada necesita unha piscina onde poder adestrar

20 sep 2020 . Actualizado ás 23:36 h.

Como peces fóra da auga. Así están as nadadoras do Acuatic Oleiros porque, debido ás restricións do covid-19, non poden adestrarse na piscina municipal e na Casa da auga como facían ata agora. María Rey , capitá deste club campéon, explica que o Concello «fai o que pode para darnos unha alternativa», pero teme perder a tempada se non hai solución. Ou algo peor. «O covid pode acabar co club», sentenza.

-Cal é a situación?

-Debido ás restricións do covid, adestrámonos nunhas pistas polideportivas e na praia, porque non podemos acceder ás piscinas. Só pedimos unha piscina.

-Pero non se contaxia pola auga.

-Na auga clorada non hai contaxio. O problema non é tanto o vaso como o vestiario. Propuxemos non pasar por el, que as nenas se duchen en casa.

-E mentres, en dique seco.

-Adestrarse así é inviable. En sincronizada hai unha parte de seco que é complementaria, pero, obviamente, necesitamos auga.

-Eliminadas as extraescolares de moitos colexios, actividades como esta cobran maior relevancia.

-Efectivamente. O que nos transmiten os pais é a necesidade de que as nenas sigan realizando unha actividade, que continúen enganchadas a un deporte, de que se socialicen e vaian retomando a normalidade.

-Por iso decidiron continuar.

-Si. Por iso, a pesar de non ter piscina, pedímoslle unha alternativa ao Concello e leste ofreceunos as pistas polideportivas e as praias. Imos combinando.

-O verán acábase o martes.

-Xa, iso é o malo, cando empezo a chegar o frío, que? De momento, veunos bo tempo e estamos a aproveitar para que naden na praia.

-Dan a tempada por perdida?

-Ese temor existe. Se isto segue así, en outubro e novembro non poderemos vir á praia.

-Paralizarían o exercicio?

-Dependerá de se as nenas queren seguir ou se acaban desmotivando. As pistas cedéronnolas ata que teñamos piscina. Falta a luz ao final do túnel.

-Este ano hai competición de natación sincronizada?

-Si, a federación xa colocou as súas competicións oficiais e todos os clubs, absolutamente todos, están a traballar, menos nós. Con restricións, pero todos teñen piscina. Nós, en cambio, non sabemos se facer as licenzas, se darnos de alta…

-E iso que son un dos grandes, un referente na sincro.

-Sobrevivimos porque tiñamos moitísimas nadadoras. Eramos 180 e déronse de baixa 70. Hai clubs que non chegan nin a 70.

-Volverán se hai piscina?

-Maioritariamente. Moitas destas nenas dixéronnos que, cando teñamos piscina, queren retomar os adestramentos.

-Son un club multipremiado.

-Si, na categoría de base levamos moitos anos sendo campioas galegas; e temos moi bos resultados a nivel individual e colectivo, pero agora todos os outros clubs poden ir competir e, en cambio, nós estamos relegadas.

Un deporte en auxe: Cada vez é máis frecuente ver a unha nena cunha pinza no nariz para facer sincronizada. Só na Coruña hai cinco clubs.

Acuatic Oleiros: Con 180 nadadoras, é un dos clubs máis grandes de Galicia pero, sen piscina, déronse de baixa 70 nenas.

«Para nada é minoritario este deporte»

O Acuatic atópase á deriva por falta de piscina na que realizar os adestramentos.

-É un deporte duro?

-Require cualidades físicas, de natación, flexibilidade, forza e, sobre todo, bo oído, porque teñen que ir compasadas coa música.

-A mellor parte?

-Que é un deporte de equipo e con moitos valores. Se unha perde, perdemos todas.

-É caerse e levantarse.

-Si, volver dunha competición onde non tiveches bos resultados e que todas se apoien, ou compartir unha alegría conxunta. É moi bonito.

-Canto tempo aguantan baixo a auga a estas idades?

-As maiores igual teñen figuras de 25 ou 30 segundos, pero en movemento, que o gasto de osíxeno é maior. A capacidade pulmonar adéstrase. As pequenas son as que peor o levan.

-E o de non levar lentes baixo a auga, como o levan?

-Pois a iso se adaptan moi ben. Adoita ser máis problema o da pinza do nariz, que se se lles cae, que se non lla saben pór, etcétera…

-Está a popularizarse tanto este deporte, que agora ven moitas desas pinzas por aí, con persoas facendo volteretas na auga.

-Si, si, si. Moita xente chámanos para apuntar á súa filla e dinos: «Á miña nena encántalle facer volteretas e mergullar». Para iso este deporte é o mellor. E se xogas coa música e, amais , estás coas túas amigas, xenial.

-Miúda sensación debe de ser. Así empezou vostede?

-Eu tiña nove anos cando unha adestradora me viu nadar, gusteille e invitoume a probar a sincronizada.

-É un deporte pouco visibilizado aínda.

-Si, pero non é minoritario para nada. Este deporte practícano cinco clubs na Coruña e hai moitísimas nenas adestrándose na nosa cidade.