Unha taberna onde só admiten peixe

A Coruña

Carlos e Rubén Brión inauguran na esquina da Galera e Torreiro a taberna Benboa, un local no que todos os produtos da carta proceden do mar

06 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os pitos, porcos ou tenreiras pasan de longo. Aínda que o establecemento ten sete portas, a carne ten prohibido o acceso. «Solo traballamos con produtos procedentes do mar. A idea é que sexa una taberna mariñeira ideal para tapear con platos de sempre coma o polbo á feira, ou máis actuais como o ceviche de sargo ou unha hamburguesa que, aínda que non o pareza polo seu aspecto, é de pescado», explica Carlos Brión, un dos socios de Benboa. Esta semana, tras as últimas probas de cociña e o pintado da fachada, teñen previsto abrir o seu primeiro negocio na Coruña na rúa da Galera, onde estivo o mítico Sete Puertas. Unha incorporación importante á xa extraordinaria oferta hostaleira da zona, que nos últimos anos ha ir crecendo en cantidade e en calidade con moitos locais de referencia. Carlos e o seu irmán Rubén abriron o primeiro establecemento en Corrubedo no ano 2012. Unha aposta de moito nivel ao lado do mar onde contan con espazo para unha liña de produtos envasados para hostalería. No 2018 abriron no centro de Santiago e agora desembarcan na Coruña con esta aposta cargada de salitre. «Xa tíñamos o local antes da pandemia. O concepto é algo diferente aos outros dous negocios porque aquí temos pouco espazo, aínda que estamos nunha esquina moi boa», analiza mentres dá os últimos retoques a este Benboa onde só se permite a entrada de peixe.