Investigadores do Citic descobren un tipo de estrelas que podería explicar a orixe da vida na Terra

La Voz A Coruña

A Coruña

Cedida

Descubriron, xunto a membros do Instituto de Astrofísica de Canarias, un novo tipo de estrelas moi ricas en fósforo que axudaría a explicar a orixe deste elemento na nosa galaxia

05 ago 2020 . Actualizado ás 11:00 h.

A revista Nature Communications publicou un artigo de investigadores do Citic da UDC e do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) sobre o descubrimento dun novo tipo de estrelas cunha riqueza elevada en fósforo, o que podería axudar a explicar a orixe deste elemento na nosa galaxia e a súa posible relación co surgimiento da vida no noso planeta. O fósforo é xunto ao carbono, nitróxeno, osíxeno e xofre un elemento fundamental para o desenvolvemento dos seres vivos, xa que ademais de formar parte das moléculas de ADN, resulta imprescindible para levar a cabo o intercambio enerxético nas células. 

O descubrimento, realizado por un equipo multidisciplinar formado pola astrofísica Minia Manteiga e os enxeñeiros informáticos Carlos Dafonte e Raúl Santoveña do Citic, ademais de por investigadores do IAC, podería dar resposta ao que ata o momento foi un enigma para a comunidade científica internacional. «Deseñamos numerosas técnicas de Big Data que tivemos que afinar ao máximo porque estabamos buscando unha agulla nunha palleira. Finalmente, atopamos 15 estrelas con abundancia de fósforo entre 10 e 100 veces máis alta mesmo que as observadas no Sol», explicou Raúl Santoveña. Pola súa banda, Carlos Dafonte sinala que «é probable que teñamos observado só unha mostra de estrelas ricas en fósforo", pero advirte que "debemos confirmar a súa peculiaridade en traballos futuros».

O estudo abre unha nova vía para a síntese de fósforo en estrelas e propón que, probablemente, o fósforo medido proveña da contaminación ocorrida na nube onde se formaron estas estrelas cando unha xeración anterior de estrelas, finalizaron a súa vida como astros radiantes. Minia Manteiga conclúe que «a contaminación da nube protoestelar debeu ser un fenómeno local e relativamente raro xa que estamos detectando un número pequeno deste tipo de estrelas». A astrofísica considera que «aínda así, podemos especular que poderían ter contribuído de xeito apreciable á evolución química da galaxia e polo tanto a producir o fósforo contido no Sistema Solar e na Terra, o que puiden significar que estas estrelas teña sido decisivas no desenvolvemento da vida na Vía Láctea».