A restauración do estanque e o fornelo do parque do Pasatempo custará 480.000 euros

La Voz BETANZOS / LA VOZ

A Coruña

CESAR DELGADO

A alcaldesa de Betanzos solicita á Xunta que colabore na mesma medida que a Deputación

14 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, entregou ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o proxecto de restauración do estanque do Retiro, primeira fase prevista na recuperación do parque do Pasatempo, e para o que as dúas Administracións teñen reservada unha partida de 750.000 euros.

O proxecto técnico xa conta co visto e prace de Patrimonio, e a alcaldesa avanza que os traballos sairán a licitación «de inmediato», cun investimento de 480.000 euros. María Barral lamentou a tardanza en presentar o documento, «pero a súa complexidade fixo que leva máis tempo do agardado, ao que hai que sumar os procesos administrativos para a súa autorización». O proxecto ten como obxectivo conseguir que todos os elementos arquitectónicos do estanque poidan ser percorridos polo público para o seu coñecemento e goce, e sexan seguros desde o punto de vista funcional, e adecuados desde o punto de vista estético. Ao mesmo tempo, intervirase no material escultórico para a súa estabilización e conservación, evitando en xeral completar as pezas deterioradas, «propondo cinguir a reintegración volumétrica a aqueles elementos que resulten perturbadores para o ollo do espectador, e para conseguir que se facilite a lectura escultórica», indican fontes municipais.

María Barral agradeceu o apoio da Deputación, á vez que lamentou que a Xunta «non teña mostrado a día de hoxe a mesma disposición a pesar de ter anunciado o seu compromiso en varias ocasións». A alcaldesa insistiu en que «o que Betanzos agarda é que a Xunta achegue, como mínimo, a mesma cantidade que a Deputación, tendo en conta que, ademais, trátase dun ben de interese cultural (BIC). O Concello aspira á firma dun convenio a tres bandas, sen agardar ao proxecto total «porque son obras que se teñen que facer por fases segundo disponse de viabilidade económica».