Correos dedica un selo aos emblemas monumentais e naturais da provincia

La Voz A Coruña / LA VOZ

A Coruña

c

Os atractivos da Coruña viaxarán por calquera punto de España

13 ene 2020 . Actualizado ás 20:14 h.

Correos presentou onte na Deputación da Coruña o novo selo da serie filatélica 12 meses, 12 selos, que está dedicado á provincia coruñesa.

Coa emisión do selo, a empresa pública realiza unha homenaxe aos emblemas culturais, tanto de carácter monumental como naturais. Coa súa posta en circulación, os atractivos turísticos da Coruña viaxarán por carta a calquera punto de España, o que favorecerá a súa visibilidade.

A imaxe do selo fórmana un mosaico de imaxes de distintos elementos característicos da provincia, dando forma ás súas iniciais, AC. Así, a letra A fórmana a imaxe da torre de Hércules e as almenas do castelo de Vimianzo. A parte superior da letra C fórmana a madeira, que simboliza o bastón dos peregrinos do Camiño de Santiago, e a inferior debúxase coas vidreiras do rosetón da igrexa de San Martiño de Noia. A ruta xacobea tamén está representada no selo, onde aparece a tradicional cuncha da vieira enmarcada nun dos característicos azulexos de sinalización. As dúas iniciais figuran ademais sobre un fondo cunha fotografía das Fragas do Eume, coa ponte sobre o río Sesín. Para rematar, a franxa inferior do selo fai alusión á bandeira da provincia.

Na presentación, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, agradeceu a iniciativa de Correos para permitir que «algúns dos principais emblemas culturais, naturais e patrimoniaIs desta terra viaxen por carta a todos os recunchos de España».