De castro a castro en terras de Paderne

Cristóbal Ramírez

A Coruña

Cristóbal Ramírez

Percorremos a ruta que conecta os xacementos de Adragonte e San Mamede

11 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda que a realmente útil e ben feita páxina web de Paderne, na retagarda do golfo Ártabro, non recolle nin unha liña sobre ese elemento tan galaico que son os castros, ese municipio ten varios, só faltaría. Dous deles convértense nunha desculpa para deixar atrás Betanzos xusto cando se sae cara a Ferrol, vírase á destra e vólvese a facer o mesmo cando levan percorridos 6,2 km.

Aos 200 metros escasos é boa idea deixar o coche e botar a andar ou a dar pedais, porque hai unha bifurcación con gran anchura e aparcar resulta posible. Destaca o montículo da esquerda, con case a metade pelada tras unha curta de eucaliptos e o resto ocupado por esas árbores. É o castro de Areas ou de Adragonte.

En fin, aí tómase a opción da esquerda e percórrense 200 metros, e ao atopar unha casa azul o viaxeiro vai desviarse, en descenso, á dereita. Terra ante os ollos, en principio en mal estado que converten eses cinco primeiros minutos en algo pouco grato porque pasou maquinaria pesada. A cousa mellora, aínda que un manancial alagou outros poucos metros e as botas de auga agradécense neste tempo (no verán pódese ir con tenis sen problema).

De maneira que medio quilómetro despois de ter pisado terra chégase ao río Mainzoso, co seu muíño e restos doutro máis, lugar bonito onde os haxa, que auguran unha subida de non moita pendente, constante, durante 800 metros. E á esquerda van quedar ante os ollos unhas incriblemente altas murallas, peladas de eucaliptos aínda que algún ignorante decidiu colocar alí, no que parece a saída a un antecastro, unha torre de alta tensión, mal que durante decenios afectou a outro xacemento arqueolóxico do golfo Ártabro, nada menos que o castro de Elviña. E cando se está arriba, nunha zona de campos traballados, preciosos, o montículo que queda á destra é o castro de San Mamede. Merece a pena percorrelo, e pódese facer. Por desgraza, hai que engadir: alguén abriu unha pista lonxitudinal esnaquizando as murallas sen a mínima compaixón. E andando o visitante dáse conta das grandes dimensións da aldea, e chega ata aquela torre de alta tensión.

Se se ha ir andando, o mellor é volver polo mesmo camiño. Se en bicicleta, desde San Mamede (casas da esquerda) cara a Vilamourel, coa súa igrexa, e descenso para dar a Adragonte e a súa, que dista menos dun quilómetro do punto de partida. E dúas noticias: a mala é que na parte traseira dese templo un sarcófago antropomorfo anterior ao século XIII foi convertido en improvisado vertedoiro. A boa: que o magnífico cruceiro -sobre todo polo seu fuste enroscado- segue recibindo aos viaxeiros. Que deste xeito terán completado case oito quilómetros nas pernas.

A aventura

Realizar en bicicleta o percorrido entre os dous xacementos arqueolóxicos.

A foto máis persoal

No cruceiro de Adragonte.

O desafío

Subir ata a parte máis alta do castro de Areas.

O pasado

O regacho Mainzoso era un punto de encontro dos habitantes da zona na prehistoria.