Un total de 18.245 persoas están chamadas ás urnas para elixir ao novo reitor da Universidade

La Voz A Coruña / LA VOZ

A Coruña

CESAR QUIAN

04 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Desde as dez da mañá e ata as sete da tarde e mediante voto electrónico. Así serán as eleccións da Universidade da Coruña, ás que están convocadas hoxe un total de 18.245 persoas para elixir ao seu máximo representante para os catro próximos anos.

Os electores dos campus terán que elixir entre dous candidatos: o actual reitor en funcións, o catedrático de Microbioloxía Julio Abalde Alonso, e Fernando Martínez Abella, catedrático de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos.

Do censo convocado ás votacións da UDC, 836 pertencen ao sector de profesorado doutor con vinvulación permanente, colectivo que practicamente inclinará o resultado cara a un ou outro lado, xa que se trata dunhas eleccións con voto ponderado e a eles correspóndelles o 51 % da representación. Outro 28 % será elixido polos estudantes, o grupo máis numeroso, xa que o forman os 15.886 alumnos dos campus. As restantes categorías do persoal docente investigador, ao que pertencen 722 profesores, terán un 12 % do voto ponderado, e o 9 % correspóndelle aos 801 profesionais do persoal de administración e servizos da Universidade da Coruña.

Se a xornada marcha segundo o previsto, cara ás sete e cuarto desta tarde coñeceranse os resultados, e pouco despois comparecerá o candidato a reitor que teña sido finalmente elixido para dirixir a institución académica.

Participación

Nas eleccións anteriores ao Reitorado da Maestranza, celebradas no 2015, a maior taxa de participación estivo entre os profesores doutores fixos, xa que ata o 94 % acudiron a votar. No outro extremo situouse o estudiantado, posto que só exerceu o seu dereito o 27 %, unha cifra que, no entanto, situouse por encuma da media rexistrada noutras universidades españolas, onde a participación dos alumnos rolda o 10 %.

Tamén foi alta na anterior convocatoria a participación do persoal de administración e servizos, do 88 %, mentres que do persoal docente investigador responderon á cita coas urnas o 76 %.

Guía para alumnos con TDAH

A Unidade de Atención á Diversidade da UDC presentou onte, no marco dunhas xornadas sobre accesibilidade cognitiva, a primeira guía do alumnado universitario con Trastorno por Déficit de Atención e/ou Hiperactividade, realizada coas fundacións Ingada e María José Jove. O doutor Anxo Carracedo, presidente de Ingada, foi o encargado de presentar a publicación, a primeira guía de axuda elaborada en España non só para os universitarios afectados, senón para toda a comunidade educativa.