Unha empresa de autobuses acumula 18 denuncias por infraccións graves

A voz A Coruña

A Coruña

A compaña non dispuña das correspondentes autorizacións e varios dos seus autocares presentaban carencias técnicas, como fallos nas portas de urxencias

28 novs 2019 . Actualizado ás 11:08 h.

Unha empresa de autobuses que opera desde A Coruña foi interceptada polas autoridades tras presentar varias infraccións. Axentes especialistas na inspección de transportes do Sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia interceptaron na AP-9, á altura da área de servizo de Ordes , un autobús que realizara un transporte internacional de viaxeiros sen a correspondente Licenza Comunitaria. Dita documentación ampara o transporte internacional dentro da Unión Europea. Esta incidencia levantou as sospeitas dos axentes e procederon a realizar unha inspección máis exhaustiva en diversas rutas da compaña. Para a súa sorpresa atopáronse con máis irregularidades.

Nas inspeccións detectouse que estaba realizando un servizo regular de uso especial de viaxeiros sen a correspondente autorización para realizar este desprazamento. O condutor foi sorprendido cando transportaba en diversos traxectos a persoas con discapacidade intelectual e mobilidade reducida a un centro ocupacional da provincia da Coruña. Todo iso sen as correspondentes autorizacións de uso especial que concede a Xunta de Galicia para este tipo de transportes.

Ademais inspeccionáronse oito autocares da compaña e formuláronselle once denuncias en materia de transportes e outras sete denuncias por infraccións ao Regulamento Xeral de Vehículos por infraccións graves e moi graves. As denuncias por carecer das correspondentes autorizacións que levan aparelladas sancións económicas de 4001 euros.

Os problemas para esta empresa de autobuses non quedaron aí. Tamén foi denunciada por cuestións técnicas como a ausencia do dispositivo acústico de marchas atrás, fallos na apertura das portas de urxencias, carencia de botiquín, extintores caducados desde marzo de 2018 e diversos asentos severamente degradados, con roturas en tapizado e parte acolchada que poderían ocasionar lesións en caso de sinistro ao non estar protexidas as partes metálicas dos mesmos.

Os axentes non puideron comprobar se tiñan contratado o seguro de responsabilidade civil ilimitada, obrigatorio para transportar viaxeiros deste tipo, cuestión que deberán acreditar ante a Xefatura de Tráfico da Coruña.