Dá batalla de Elviña a Harvard

A Coruña

Universidade de Harvard

Williamina Fleming catalogou a estrela que pode chamarse Rosalía e o seu avó naceu durante o asalto inglés á cidade

11 novs 2019 . Actualizado ás 13:02 h.

«A lectura do excelente libro de Dava Sobel O Universo de cristal, editado por Capitán Swing, achega unha inesperada conexión galega da lendaria Williamina Fleming (Escocia, 1857-Boston, 1911), que pasou de ser criada do director do Observatorio de Harvard, Edward Pickering, a facer ciencia no centro e converterse finalmente na primeira muller en obter un cargo relevante na universidade, o de conservadora do arquivo fotográfico». Isto contaba hai un tempo Martín Pawley no blog da agrupación astronómica Ío. Estes días lembrou esa historia en varios actos, xa que esta muller formou parte das chamadas computadoras ou contadoras de Harvard que a principios do século pasado fixeron o Catálogo Henry Draper de estrelas. Entre esas estrelas está a HD 149143 que podería levar o nome de Rosalía [a votación remata o día 12 e pode facerse en http://nombraexoplanetas.es/ ou en #EstrelaRosalía].

Explica Pawley que o obituario de Williamina [Paton Stevens, de solteira] apareceu no boletín mensual da Royal Astronomical Society de Londres, da que ela era membro honoraria, e «recolle ese fabuloso relato familiar. Citando a nota escrita por Pickering, dise que pertencía ao clan Graham de Claverhouse -un dos seus antepasados por parte de nai era John Graham, primeiro vizconde de Dundee, cantado por Walter Scott no poema Bonnie Dundee-». A bisavoa de Williamina, sigue contando Pawley, «casou cun oficial dos 79th Highlanders, o capitán Walker, que prestou servizos na Guerra de Independencia de España ás ordes do tenente xeneral Sir John Moore. A muller non se separou del durante a guerra e quedou embarazada. Na batalla de Elviña, o 16 de xaneiro de 1809, morreu o capitán Walker canda sir John Moore e varios centos de militares británicos máis. O mesmo día e no campo de batalla deu a luz a señora Walker: foi en territorio galego que naceu John Walker, o avó de Williamina».

Emigrante e nai solteira

John casaría en Escocia e tivo unha filla, Mary, que casou en 1832 con Robert Stevens e tiveron dez fillos, dos que Williamina foi a quinta. Conta Martín Pawley a «vida extraordinaria» desta muller que con 14 anos, ao tempo que seguía aprendendo, empezou a dar clases nas escolas públicas da vila. En maio de 1877 casou cun viúvo, James Fleming, e en decembro de 1878 marcharon a Boston. Uns meses despois ela queda embarazada, o seu home abandonouna e pasou «de mestra precoz en Escocia a inmigrante e nai solteira na costa leste dos Estados Unidos». Atoparía traballo coma asistenta na casa de Edward Charles Pickering, director do Observatorio astronómico da Universidade de Harvard.

«A lenda asegura -conta Pawley- que un bo día o profesor Pickering estaba tan descontento cos seus axudantes homes que dixo en público que a súa asistenta escocesa faría mellor o seu traballo. É unha lenda simpática, máis está claro que a decisión de Pickering non foi en realidade tan caprichosa. Sabía da súa formación coma mestra e contratouna para facer traballos ‘de despacho’, manter arquivos, ordenar e copiar a información e facer cálculos matemáticos. Pasou en poucos meses de levar a casa do señor Pickering a exercer coma astrónoma profesional». Máis alá da catalogación, resume Pawley, Williamina «descubriu ao longo da súa carreira 10 novas [estrelas que ao final do seu ciclo ‘explotan’ producindo un súbito aumento de brillo], cincuenta e tantas nebulosas -unha delas, en 1888, é un dos obxectos máis fermosos do ceo profundo, a Nebulosa da Cabeza de Cabalo- e máis de 300 estrelas variábeis». Unha desas estrelas pode seguir mantendo a súa conexión galega chamándose Rosalía.

A fenda salarial das mulleres «computadoras»

Williamina Fleming, coñecida como Mina, era unha das mulleres que procesaba datos astronómicos no Observatorio de Harvard. Foi tamén a editora das publicacións do centro «e estivo ao mando das mulleres novas contratadas para escrutar as placas fotográficas e facer cálculos e clasificacións, as míticas ‘computadoras’ ou ‘calculadoras’ de Harvard», explica Martín Pawley. Cobraban moito menos que os homes «máis tamén hai que recoñecer que o profesor Pickering lles recoñeceu un papel impensábel nesa altura en moitos outros lugares do planeta e as animaba a publicar artigos e medrar profesionalmente». Mina conta no seu diario unha conversa co director: «El parece pensar que ningún traballo é demasiado ou difícil para min, non importa cal sexa a responsabilidade ou cantas as horas de dedicación. Máis en canto saco o tema do salario, inmediatamente se me di que eu recibo un pagamento excelente para o que é común entre as mulleres. (...) Ás veces síntome tentada a deixalo e que probe con algunha outra, ou que algúns dos homes fagan o meu traballo, para que descubra por el mesmo o que está conseguindo de min por 1.500 dólares ao ano, comparado cos 2.500 que cobran outros asistentes».