Sandra Pérez: «Son unha hostaleira de tacóns, escote e cun puntiño macarra»

A Coruña

MARCOS MÍGUEZ

Montou IngooCo en solitario tras abrir antes A Granera con catro socios

14 oct 2019 . Actualizado ás 20:33 h.

É transgresora. «Si. Na miña estética, os meus locais, na miña vida… Non son moi de seguir canons establecidos», recoñece Sandra Pérez Álvarez. «O menos orixinal que teño son os meus apelidos», afirma mentres se quita a chaqueta vermella do seu traxe. «Son moi de colorines», di. No local que acaba de abrir percíbese o gusto pola cor da dona. Leva unha tatuaxe no pescozo. «Significa muller no idioma xaponés Kanji. Aquí (ensíname o brazo dereito), teño outro escrito con letras árabes, e na caluga (vírase na cadeira) levo escrito Seda, pola novela de Alessandro Baricco. Impactoume nun momento de cambio na miña vida e por iso tatueimo», confesa. Fálame dos seus vicios confesables: «As tortitas, a cociña mexicana, a michelada e esquiar». E atrévese cun inconfesable: «Todo o que pase nunha tenda de campaña nun Resurrection Fest», afirma riseiro. Dígolle que é unha muller moi atractiva e ponse colorada. «Aínda que o que me máis me gusta é traballar de cara ao público son moi vergoñenta. Todo o mundo se cre que ligo un montonazo, pero non. Creo que me ven como unha persoa elegante e seria, pero son moi divertida. Coido a miña imaxe, pero teño o meu puntiño macarra, transgresor. Son unha hostaleira de tacóns e escote», sentenza. Son as cinco e media da tarde e respírase un marabilloso e cosmopolita ambiente en IngooCoo, o negocio de Sandra.

O garaxe «loft»

Sen dúbida que todo o que me conta sáese do habitual. «Vexo o meu coche desde a cociña da miña casa. Reformei un garaxe que era un taller mecánico e convertino nun loft», explica. É nai de dúas nenas de 9 e 8 anos que adoptou en Hungría. «Chámanse Adriana Reka e Capri Zsaklin porque lles mantiven o nome que tiñan alí», apunta. Cumpre 37 anos a final de ano e é natural de Verín. «Vivín noutros sitios, pero sempre me gustou A Coruña. Empecei en moda na tenda de Caramelo nel Corte Inglés e despois pasei a coordinadora de tendas desta marca. Pero cruzóuseme a hostalería no meu camiño», relata mentres no local segue entrando xente. Cóntame que a súa parella decidiu montar un negocio en Verín e fóronse para alí. «Foinos tan ben que nos viñemos para aquí e con catro socios abrimos A Granera ata que decidín emprender un camiño en solitario onde poder transmitir a miña filosofía e darlle personalidade», analiza.

Almorzos todo o día

Desde o verán ocupa o precioso baixo que foi o Continental. «O local ten moito potencial. O nome quere dicir In good company e reflexa o que eu quero facer. Un sitio onde poidas almorzar a calquera hora do día. Todos as sobremesas os fai aquí Javier Cancelo. A música que soa é unha lista nosa de Spotify que imos cambiando ao longo do día. Non temos televisor. Imos facer exposicións, presentacións de libros... No meu negocio fago o que me dá a gana», di de xeito contundente. Di que as avoas da praza de Lugo «son os meus maiores fans». Recoñece que é moi cu inquedo. «Hai moi pouca xente que me poida seguir o ritmo». Asegura que a súa principal virtude é ser xenerosa e como defecto sinala: «Son moi mandona». Os domingos fai cantidade de plans coas súas fillas e, durante a semana, «o que máis gozo é traballando», explica. Ensíname as novas cartas que está a deseñar. Os almorzos levan nomes de compositores. «Todo está pensado, non é algo que saquei da Wikipedia. Goya é unha aposta clásica, Rubens é un almorzo moi goloso...». Di que o que máis triunfa son as rebanadas de pan brioche con azucre glas e a torrada de cabaza con queixo azul. Despedímonos. Teño a sensación de ter estado unha hora en good company.