Impaciencia veciñal ante o atraso das pasarelas sobre a N-VI en Perillo

La Voz OLEIROS / LA VOZ

A Coruña

Eduardo Pérez

Anunciada a súa apertura para setembro, os obreiros ultiman os traballos de instalación

10 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Estaban anunciadas para setembro e en breve será mediados de outubro. Aos veciños de Perillo e O Seixo non lles cabe dúbida de que as pasarelas estarán pronto. «Pero algúns veciños cada día de atraso supón un día de depender de terceiras persoas», sinala unha residente da Rúa Seixo.

Tras un parón nas obras, unha vez montado o groso das dúas instalacións, os operarios da UTE encargada por Fomento levan días de novo ultimando os traballos, especialmente nas torres onde se colocarán os ascensores. O Ministerio aprobara os dous pasos elevados hai dous anos, en setembro do 2017, e non foi ata agosto do ano pasado cando se adxudicou a obra por un millón de euros e un prazo de execución de oito meses. Desde entón, un equipo formado polas empresas Emesa e Francisco Gómez e Cía levaron a cabo a instalación, que supuxo un corte de tráfico na primeira semana de agosto, realizado desde a medianoite ata as seis da madrugada causar o menor prexuízo posible.

As pasarelas peonís son unha demanda histórica dos residentes de ambas as beiras da N-VI ao seu paso por Perillo, xa que só dispoñen do paso peonil con semáforo no cruzamento do Sol e Mar nun treito quilométrico. Unha vez colocados os ascensores e abertas ao público, será o Concello de Oleiros o responsable do mantemento das pasarelas.