O Chuac fai oco á lactación e os nenos en Urxencias

R. D. SEOANE A Coruña/ LA VOZ

A Coruña

CESAR QUIAN

A proposta da enfermería, un almacén convértese en sala familiar para entreter a espera infantil, dar o peito ou chorar malas noticias

10 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

No lugar das présas verdadeiras, cando a saúde aperta, hai tamén espazo para tratar de dar un pouco de calor, e mesmo cor. A iniciativa da enfermería de Urxencias, o Chuac habilitou unha pequena superficie «que non nos servía moito para case nada», resume a supervisora, Beatriz García Trigo, nun punto máis acolledor e recolleito.

Así, co apoio do servizo de mantemento, a man dos carpinteiros e pintores transformou un almacén de despezamento, onde se amontoaban cadeiras de rodas e goteros estragados, nunha salita familiar máis apartada e con certo grao de intimidade. Alí unha nai pode dar o peito ao seu bebé, un neno entreter a espera pintando ou unha familia sentarse a chorar.

«Xa se sabe que neste servizo andamos a mil, pero temos ollos: cada vez vemos máis familias monoparentais que teñen que vir por unha urxencia e chegan cos seus nenos mentres non atopan alguén que lles quede con eles», explica a responsable de enfermería do servizo. Ten máis argumentos: «Tampouco tiñamos un sitio para os pequenos que veñen por unha emerxencia oftalmolóxica, non son moitos, pero hainos, a algúns hai que dilatarlles a pupila e teñen que esperar, e non nos parecía axeitado que estiveran na sala de espera co resto da xente», engade. «Non é unha gardería -puntualiza- pero si un sitiño para que estén mellor», di sobre un espazo cunha mesita con lapis de cores, algún peluche e xogos para entreter un tempo que a todo o mundo se lle fai demasiado longo.

Buscando máis usos, tamén caeron na conta na necesidade de, tan preto da zona de críticos, contar cun espazo onde «poder ofrecer unha cadeira, un vaso de auga e un pouco de intimidade e tranquilidade» aos familiares de pacientes cando o único que se pode comunicar son malas noticias.

A iso sumábase, ademais, unha necesidade dalgúns acompañantes e do propio persoal, onde son moitas as mozas profesionais con bebés que se reincorporan aos seus postos pero desexan seguir lactando e han de sacarse o leite para darlle aos seus pequenos. «Aquí en enfermería de Urxencias somos uns 200 traballando, e solo unha decena son homes», apunta García Trigo xusto nun momento no que se conmemora a semana da lactación, «un traballo en equipo -apunta- que beneficia ós nenos, ás mulleres e a sociedade en xeral».

A salita familiar, polivalente e multiusos, que tamén funciona para reunións de grupos de traballo, «é pequeniña, pero moi acolledora», di satisfeita polos comentarios das persoas que puideron usar o par de sofás para «relaxarse, chorar ou tomar decisións».