A intensa vida detrás do Millennium

A Coruña

M.R.

Botellón, pintadas, modelos posando, pescadores e «aos chineses gústalles vir a esas rocas, collen mexillóns e lapas»

29 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai vida detrás do Millennium e moito máis intensa do que puidese parecer. O habitual é ver a ciclistas e paseantes subir polo paseo marítimo cara á base do monte San Pedro. Algúns miran cara a esa chaira cruzada de carreiros e cun solitario banco no medio para mirar ao océano. É o banco da melancolía e ás veces o da soidade. «Había catro pero agora só queda ese, seguramente porque está amarrado con cemento». Explícao Antonio Sánchez, mentres lanza de novo a cana preto da punta Fervedoira á espera de que entre un bo sargo. Ten ampla experiencia en capturalos. Vive en Labañou e podería escribir un libro sobre a historia desta contorna.

Unha parella pasa por un case oculto paseo de cemento, partido na parte máis próxima ao mar e que vai dar ao desaugadoiro que había antes da construción do paseo marítimo e do colector. Nese escondido lugar hai un colchón, restos dunhas copas, cadeiras de pedra colocadas ao redor dunha mesa e pintadas que chegan ata detrás dos barrotes a través dos que saía a auga ao mar. «Aí veñen os rapaces para facer o botellón, as parellas...», explica Antonio, mentres o seu fiel Cora ladra a todo aquel que se achega.

Logo achega un dato sorprendente: «Aos chineses gústalles vir a esas rocas; vén un, que non fai nada, con catro mulleres que son as que collen mexillóns e lapas». Argumenta que estas últimas non son comestibles «pero se as coces dan sabor a mar... Non se que farán con iso».

Antonio lembra cando o seu pai collía area nunha praia que agora está chea de cantos rodados: «Cando está todo en silencio escóitase o rozamento das rocas». É un lugar onde hai pouco unha veciña da zona descubría botes e plásticos de fai un cuarto de século: «Son os restos das chabolas que estaban por aí arriba cando fixeron o paseo marítimo. Tiraron todo e taparon e agora o mar, como foi comendo terreo, está a deixalo ao descuberto», explica este pescador. Foi precisamente nese lugar, coñecido como punta Meixillosa, onde na tarde do pasado 20 de xullo falecía un home ao caer e golpearse coas rocas. Aí poden verse desde un feixe de cables que saen de entre os cascallos ata sacos con letreiros de Nitramón ou da firma Explosivos Río Tinto.

Cando hai bo tempo, a ampla zona de rocas tamén acolle a xente tomando o sol, entre eles algúns nudistas. Ademais, a chaira de herba é un lugar de encontro, sobre todo á tardiña, de quen saen a pasear cos seus cans. Tamén se pode ver a unha elegante modelo posando sobre as rocas ante a cámara da súa parella que intenta captar o máxico atardecer detrás do Millennium.