A mensaxe positiva da leucemia

D. Vázquez OLEIROS / LA VOZ

A Coruña

Marcos Míguez

Noa, de 11 anos, impulsa hoxe un mercadillo no Temple a favor de Asanog unha entidade que apoia a nenos oncolóxicos s e co que quere visibilizar a doazón

21 sep 2019 . Actualizado ás 17:45 h.

Noa, que agora ten 11 anos, é competitiva e xogaba ao fútbol. Unha petición de cambio ao adestrador a finais de maio do 2018 e a súa insistencia en que estaba cansa fixo saltar as alarmas aos seus pais, que xa estaban preocupados polo seu aspecto, xa que a súa pel se tornaba amarela. No hospital Teresa Herrera diagnosticáronlle leucemia. «Era rara, a primeira que se daba no hospital na Coruña, a mixta, non hai tratamento e atacárona co de linfoblástica, pero non houbo resultados nin á semana nin aos quince días e dixéronnos que necesitan un transplante de medula», relata a súa nai, Cristina Álvarez, que agora non se cansa en insistir a necesidade de apoiar a doazón de medula. «Ata eu pensaba que era máis complicado, pero é como unha analítica», insiste quitándolle ferro e animando a axudar a persoas como a súa filla para as que supón case a súa única alternativa.

No caso de Noa, a irmá, que ten 7 anos, non era compatible, os pais, resultaron selo só ao 50 %, pero tiveron «a gran sorte» de dar cun doante compatible ao 100 % con ela. Esta alegría viuse embazada porque descubriron, o que a nai chama «pedras no camiño», un problema no colón e tamén no corazón, debido á quimioterapia. «Faláronnos dun posible transplante de corazón, tamén, pero como tiveron que agardar foise rexenerando, o cardiólogo, que é un crack, acertou coa medicación e púidose facer o transplante de medula o 16 de xaneiro en Santiago», di a nai, que afirma que a enfermidade mantivo en albas á familia durante un ano. O pai da pequena xa volveu traballar, pero ela continúa de baixa. «No caso da miña filla, o transplante durou 14 minutos exactos, debía de ser moi boa calidade e ese pouquiño salvoulle a vida», comenta.

«Foi moi duro»

«O transplante foi moi moi duro, tivemos, polo menos, 40 días encerradas nun cuarto en illamento», rememora ao mesmo tempo que agradece o trato recibido polo persoal sanitario e tamén polo de Asanog, a Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia. Para axudar a esa entidade organizaron para este sábado, no parque Ramón Barba do Temple, de 11.00 a 14.00 horas, un mercadillo para recadar fondos. «Non nos deixaron soas en ningún momento, traíannos de todo: xogos, cousas para que ela se entretivese e ata unha bici estática para que se movese un pouco», explica Cristina, que di que foi «Noa quen decidiu que a recadación fose para eles». Fano en Cambre porque é onde estaba a academia de inglés onde ía a nena, que se envorcou na proposta, e lograron o apoio do Concello.

Noa vai recuperando a normalidade aos poucos. «Agora xa está a ir ao cole», explica a nai dunha pequena que cursa sexto de primaria no colexio Juana de Vega de Oleiros e que logrou sacar quinto grazas ao seu tesón, xa que é boa estudante, e aos profesores cos que contou no hospital e en casa. «Sacou o curso con moi boa nota», explica unha nai orgullosa da súa valentía e que non deixa de recoñecer o trato recibido polos seus compañeiros. «Chegou sen peliño á escola e inchada e os nenos portáronse de 10», resalta.

«Aínda non pode xogar o fútbol como quería, non pode facer moita actividade, ten que recuperarse e aínda está a tomar medicación contra o rexeitamento e cambiando ao grupo sanguíneo do doante», explica a nai que insiste en que hai que desterrar falsos mitos da doazón e apostar por xestos que salvan vidas.