Arquitecturas coruñesas, a plumilla

Rodri García A Coruña

A Coruña

JOSÉ MANUEL YÁÑEZ

José Manuel Yáñez debuxa espazos e recunchos da cidade para desvelar a súa enorme riqueza arquitectónica

08 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Hai uns meses decidín ir debuxando o que vía da cidade que me chamaba a atención e o resultado son estes cadernos». Cóntao José Manuel Yáñez Rodríguez sentado nunha cadeira de pescador na beirarrúa do viaduto de Alfonso Molina. Desde este lugar, vai plasmando nun caderno a fachada da Casa Barrié e a súa contorna. Profesor de debuxo arquitectónico en Aparelladores durante 39 anos, explica que detrás desta visión da arquitectura coruñesa «hai moito de oficio e sobre todo de amor ao patrimonio, que é o que a min máis me motiva», comenta este doutor en Historia da arte e arquitecto técnico.

«Sempre me gustou o debuxo arquitectónico e fixen publicacións sobre o patrimonio. Iso motivoume para facer aspectos da cidade que máis que as arquitecturas tradicionais, que tamén, mostren eses recunchos que non é doado que a xente contemple», detalla sobre o contido dos cadernos. Nesa liña, alude ao muíño de vento de Santa Margarita «porque hai xente que non sabe que está aí e ten a súa historia, xa que aí houbo unha confrontación das tropas napoleónicas coas británicas, na retirada de sir John Moore». 

JOSÉ MANUEL YÁÑEZ

Os cadernos están elaborados «a plumilla e sombreado con rotuladores» e neles poden verse «edificios recorrentes, pero sobre todo quero facer contrastes de arquitecturas, ver un pouco a riqueza arquitectónica da cidade, que é moitísima, desde o patrimonio histórico, como é o románico e o gótico das igrexas, ata as arquitecturas modernistas e eclécticas».

Recoñece que cando sae á rúa para pintar «chan esconderme un pouco... porque estas cousas che dan un certo pudor», e faino cunha cadeira de pescadores na que facilmente acomoda o material necesario.

«Do que máis me gusta debuxar na rúa é a cantidade de pais con nenos que se achegan», recoñece. Conta como hai uns días «estiven dando unha clase de debuxo a un neno que se sentou cos seus pais a ver o que estaba a facer. Sempre levo outro caderno para que el o vaia vendo. A min iso me enternece moito. Tamén vén xente a darche clases [risos] e o outro día pedíronme na rúa Real se podía facer un retrato. Díxenlle que non me gusta o retrato...».

En canto ao destino dos cadernos, José Manuel Yáñez indica: «A idea miña é editar os mellores debuxos, cunha pequena intrahistoria do que se ve, para que dea gusto lelo, que visualmente sexa atractivo e ao mesmo tempo sirva para contar un pouco da historia dese sitio».

Da reixa de Santa Margarita copiada en Pontevedra a Fernández Latorre como Regent Street

Nos cadernos que completou, José Manuel Yáñez recolle desde «remates e cúpulas para ter un inventario» ata edificios como as casas Cornide e Barrié e, sobre todo, recunchos arquitectónicos. O obxectivo está claro: «Quero darlle un ton de divulgación para que a xente non teña medo a ler cousas de arquitectura». Así, «explicar que esta fonte de Santa Margarita [cale Pombal] non estaba aquí, que foi trasladada pedra a pedra de en fronte, de onde estaba a imprenta Roel, ao lado da igrexa de San Francisco. Contar que esta igrexa tamén foi trasladada...», argumenta o que é xefe do servizo de Arquitectura da Deputación coruñesa.

Mostra «esta casa modernista da rúa Herrerías que pasa un pouco desapercibida, pero ten un traballo de carpintería precioso» ou como o edificio en curva da rúa Fernández Latorre «lémbrame a Regent Street, en Londres, con esa casa impoñente, a azulona, da esquina». 

JOSÉ MANUEL YÁÑEZ

Para Yáñez «hai unha parte de historia do patrimonio que é bonito contar» e nun dos cadernos aparece «a adoración de San Bernardo, que está onde foi a casa do Corrixidor no século XVII, daquela as Escolas Populares Gratuítas...», preto da praza das Bárbaras. «Como este é a ruela de San Benito, moita xente cre que o da hornacina é San Benito, pero é San Bernardo, que era un gran devoto da Virxe e esta é a famosa contemplación de María... Este edificio pertencía ao mosteiro de Sobrado».

Conclúe con outra curiosidade sobre a reixa da entrada principal ao parque de Santa Margarita , que tamén debuxou: «Javier Padín e Quico Michel fórona copiar ao pazo de Lourizán, da Deputación de Pontevedra, e fixeron os moldes en Fundiciones Rey , de Vilagarcía».