Tres días de festa con música, teatro e tortillas

La Voz

A Coruña

CESAR QUIAN

A praza de Pablo Iglesias acollerá mañá a actuación do grupo folk Dequenvessendo

21 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O barrio do Castrillón celebra as súas festas cun programa cargado de actividades no que se mesturan durante tres días cultura, verbena, xogos infantís e, por suposto, gastronomía. «Sempre quixemos facer algo especial nas nosas festas e non ventilalas nun só día, e creo que este ano, coa colaboración do Concello, conseguimos un programa moi completo», conta Ramiro Otero, presidente da asociación veciñal Castrillón Urbanización Soto Iar.

Esta tarde arrincan os festexos coa actuación da Tuna de Veteranos, que se subirá ao escenario da praza de Pablo Iglesias ás 20.00 horas para ofrecer un recital que interromperán ás oito e media para que o concelleiro José Manuel Lage Tuñas lea o pregón. Ao seu termo, continuará a música no barrio.

E mañá haberá actividades para os máis pequenos desde primeira hora. Xa ás 10.30 horas abriranse os inchables para que os nenos se divirtan mentres agardan a festa da espuma que empezará ás 13.00 horas, e haberá tamén intercambio de libros para todas as idades.

Pola tarde, a partir das 18.30 horas, chegará unha das citas máis agardadas, o concurso de tortilla española que acada a súa 12.ª edición. Un xurado conformado por grandes cociñeiros e expertos en gastronomía da cidade elixirá a mellor receita. Ata o momento do inicio do concurso poden presentarse as tortillas participantes, que unha vez se pronuncie o xurado serán degustadas polo público presente.

Tras o concurso, o grupo teatral Noite Bohemia, especialista en teatro clásico, representará a obra Xemelgos de Plauto a partir das 20.00 horas. E a noite pecharase coa actuación do grupo folk Dequenvessendo, que se subirá ao escenario ás 22.30 horas.

O venres chega o último día de festa con intercambio de libros e un taller de marcapáginas pola mañá e unha sesión de deportes e xogos tradicionais organizada en colaboración co Museo Etnolúdico de Galicia (Melga) a partir das 17.30 horas. Os máis pequenos volverán ser os protagonistas da xornada cunha das actuacións enmarcadas dentro da programación infantil das festas de María Pita, Cascarillarte, que levará ata a praza de Pablo Iglesias ás Maimiñas co seu espectáculo Volta, revolta e reviravolta.

As festas pecharanse como mandan os canons, cunha gran verbena a partir das 22.30 horas a cargo da orquestra Os Trobadores.