A Coruña recrea a liberación de París

Carmen G. Mariñas

A Coruña

A cidade transfórmase na capital parisiense no 75 aniversario do desembarco de Normandia

04 ago 2019 . Actualizado ás 15:16 h.

Este verán cúmprense 75 anos do desembarco de Normandia , que tivo lugar en 1944. Por este motivo este domingo, a partir das 13.00 horas, poderase gozar no monte de San Pedro da Coruña dunha recreación histórica do Ariete Museo Vivo. Antes, este sábado os coruñeses e algúns turistas curiosos tiveron a oportunidade de presenciar unha recreación da liberación de París.

O espectáculo comezou o a sede do Museo Militar Histórico Militar, desde onde recreadores vindos de todos os recunchos de España empezaron un desfile con vehículos da época e atraviados con uniformes da Segunda Guerra Mundial. Ao redor das 13.30 horas, a recreación trasladouse a María Pita.

Alí Manuel Arenas, presidente e fundador da Asociación Histórico Cultural The Royal Green Jackets  encargouse de narrar a acción. Deseguido, a parte dianteira do Concello coruñés converteuse por uns momentos no concello parisiense, o Hotel de Ville, e fronte ás súas portas os soldados americanos loitaron por liberar París.

A recreación, baseada na película de 1966 Arde París? gustou por igual a fanáticos da historia como aos máis pequenos que quedaron impresionados polos tanques e vestimenta militar.