Mecano reunía a 25.000 persoas en María Pita

La Voz A Coruña

A Coruña

XOSÉ CASTRO

O concerto de 1989 ostentou durante anos a marca de asistencia a un concerto diante do concello

02 ago 2019 . Actualizado ás 10:10 h.

Durante anos ostentou a marca de asistencia a un concerto na praza de María Pita. Mecano abría o mes de agosto de 1989 cunha actuación que abarrotou non só a praza, senón todos os seus accesos e rúas lindeiras. O Concello cifrou entón en 25.000 o número de asistentes a este recital cuxa entrada -si, había que pagar entrada- custaba 800 pesetas. De pouco serviu que se acoutase o recinto, xa que o público rematou por derrubar os valos e entrar ao concerto en masa, pagase ou non. A policía pouco puido facer respecto diso, vendo as aglomeracións que se formaban nos accesos á praza. O escenario estaba na esquina que dá a San Jorge e hai que lembrar que naquel entón non había terrazas en María Pita, o que deixaba máis espazo do que se ten na actualidade. Aínda así, houbo que agardar a que chegase Miguel Bosé o 8 de agosto do 2017 -esta vez si, gratis- para romper a marca de Mecano, metendo na praza a 28.000 persoas.