2021: así será o novo Espazo Coruña

Mila Méndez Otero
m. méndez A Coruña / LA VOZ

A Coruña

nuevo espacio
Inbisa

A inmobiliaria que comprou o inmoble no 2017 presentou no Concello a solicitude de licenza de obra para a súa remodelación, que roldará os 12 millóns

23 jul 2019 . Actualizado ás 08:05 h.

«Chegou o momento de que Espazo Coruña dun paso adiante», di Jéssica Fonticiella. A xerente do recinto situado en Someso explica así a aposta pola cidade do grupo vasco Inbisa, o dono do inmoble desde o 2017. Tras dous anos de obstáculos poboados de rumores sobre o seu peche, e de anuncios de despedidas, como a de H&M, a inmobiliaria con sede en Bilbao confirmou en forma dunha licenza de obra a súa intención de continuar co proxecto comercial iniciado no 2009. A solicitude para comezar os traballos só depende agora do visto e prace municipal.

nuevo espacio
Inbisa

A remodelación

O orzamento que se baralla é de entre 10 e 12 millóns de euros. A remodelación só afectará o interior da nave, que ocupa 100.000 metros cadrados repartidos en catro alturas, e aos accesos, especialmente o norte. Vanse ampliar os locais da planta baixa, para que poidan albergar establecementos de maior magnitude, como un ximnasio, xa confirmado; adaptaranse para a restauración espazos da primeira planta; expandiranse os corredores e, na segunda altura, haberá un reacondicionamiento de zonas.

«Queremos dar resposta ás necesidades de operadores que xa están no centro e dar cabida a outro tipo de operadores, que necesitan locais máis amplos e adaptados para equipamentos de lecer, por exemplo», afirma Joaquín Ortiz García, director técnico de Inbisa Inmobiliaria. A meta é iniciar os traballos en xaneiro do 2020 e rematalos nun prazo de 12 meses. Inbisa asegura que, para entón, a ocupación estará próxima «ao 70 %» da superficie.

Sen peche por obras

No tempo que dure a actuación, avanzan, «Espazo Coruña non vai pechar», remarca Fonticiella. A pesar de que os cambios expostos «son moi significativos», admite a xerente, organizaron as actuacións para que ningún establecemento teña que baixar o enreixado.

A actividade de retail e de lecer serán os dous eixos. «Temos varios proxectos sobre a mesa para reconducir a outros fins parte das instalacións, como o da residencia universitaria. Pero, a actividade comercial é a nosa prioridade», subliña Fonticiella, que non avanza por agora nomes das marcas que motivaron o cambio. Para o 2021 está previsto que sexa a posta de longo do centro comercial renovado. Esta actuación é a primeira reconversión de Espazo Coruña. A súa construción fai case dez anos supuxo un investimento de 150 millóns de euros.

Breogán Park: a superficie xa non loce as letras de Dolce Vita pero aínda é unha incógnita

O ano 2021 tamén está marcado no calendario de Pelayo Capital como o da inauguración de Breogán Park: o nome co que bautizaron á próxima área comercial da cidade. O lugar que ocupará é o mesmo no que está levantado o Dolce Vita, o centro que pechou as súas portas no 2014. A idea é derrubalo e levantar unha nova instalación. Os letreiros do Dolce Vita practicamente desapareceron da nave da Grela, pero pouco máis. Polo menos, no exterior. A demolición aínda non se levou a cabo e o ambicioso proxecto, orzado en 60 millóns de euros, segue sendo un interrogante na Coruña.