Patricia Barciela: «A nutrición e a cociña saudable deberían entrar nas escolas»

A Coruña

domus
MARCOS MÍGUEZ

«Bocados» é o nome da mostra coa que o espazo renova contidos e mira á actualidade

22 jul 2019 . Actualizado ás 08:57 h.

Todos o facemos: comer. O interese crecente que esperta a nutrición e a súa relación intrínseca coa saúde e o medio ambiente son noticia na Domus.

-Por que unha exposición sobre nutrición na Casa do Home?

-Porque, a nivel científico, hai moito que achegar para que os cidadáns tomen decisións informadas. Os visitantes non só se sorprenden cos módulos interactivos, ¡tamén len ata o final os textos dos paneis!

-Os museos teñen que estar á vangarda?

-Si. Esta é unha exposición permanente que se pode ir actualizando e que introduce novos aspectos, como a última pirámide alimenticia da Asociación Española de Nutrición. Nos países ricos preocupa a desnutrición. Tamén, a malnutrición.

-En que pode axudar?

-Temos un módulo sobre a forma de cociñar os alimentos, é tremendamente importante. Nos colexios deberíanse ir introducindo contidos sobre cociñar de forma saudable. A nutrición debería entrar nas escolas como o fixo a actividade física. Noutros países están vendo os seus efectos. Nos máis desfavorecidos, nenos que deixasen de estudar volveron porque levan alimentos a clase.

-Que cambia a nova pirámide?

-Introduciuse, por exemplo, o equilibrio psicolóxico. Necesitamos estar ben para nutrirnos ben.

-Nutrición e desigualdade, seguen indo da man?

-Non só no aspecto económico. Entre os obxectivos para o 2030 da ONU está a igualdade de xénero. Aquí a nutrición tamén ten moito que ver. Os trastornos alimentarios son máis habituais entre as mulleres.

-Escoller alimentos de quilómetros cero, sustentables, é aínda unha elección minoritaria.

-Non é só unha opción persoal, teñen que intervir as institucións, os gobernos. Hai que facer cambios moi profundos. As enfermidades que máis nos afectan no mundo desenvolvido non son infecciosas, senón que teñen que ver, dunha forma máis ou menos directa, coa nutrición, co noso estilo de vida. Desde as doenzas cardiovasculares ao cancro.

As doenzas que máis nos afectan non son infecciosas, senón que teñen que ver co estilo de vida