A alimentación é protagonista na nova Domus

Mila Méndez Otero
mila méndez A Coruña / LA VOZ

A Coruña

O museo interactivo estrea exposición permanente, a súa aposta máis importante dos últimos anos

22 jul 2019 . Actualizado ás 08:32 h.

É o único museo interactivo de España dedicado en exclusiva ao ser humano e poida que un dos poucos do mundo concibidos para o coñecemento do corpo desde esta perspectiva. A Domus, eloxiada pola súa exterior grazas ao talento de Arata Isozaki, o seu arquitecto, Premio Pritzker 2019, mira ao seu interior. A antes chamada Casa do Home inaugurou a que é unha das súas exposicións permanentes máis importante dos últimos anos. Titúlase Bocados e quere ser unha reflexión sobre a relación entre os alimentos e o medio ambiente. Todo isto, sen perder a capacidade de sorpresa e o espírito lúdico e divulgativo do espazo que o próximo ano cumpre un cuarto século de vida.

Cumprir coa ONU

«Actuar a nivel local pensando cunha perspectiva global» é o punto de partida desta produción orixinal dos Museos Científicos Coruñeses. «Quixemos darlle unha volta. Aínda que falamos desde o estilo máis clásico sobre os alimentos e as necesidades biolóxicas do noso corpo, unímolo a un discurso máis comprometido e social, relacionado cos obxectivos de desenvolvemento sostible de Nacións Unidas para o 2030. A nutrición, dunha forma máis ou menos directa, ten que ver coas 17 metas da ONU», explica Patricia Barciela, a directora técnica do espazo que destaca como o público está a responder cun aumento das visitas.

Módulos interactivos

14 módulos interactivos permiten ao visitante experimentar. Pode pesarse nunha báscula que calcula canta auga hai no seu corpo e ver como se enche un cilindro coa medida dada; camiñar como un hámster nunha roda deseñada a escala humana para saber o exercicio físico que debe realizar; facer estimacións calóricas; observar as correntes de convección nunha pota fervendo ou coñecer aos vermes da fariña nun terrario.

«Por que o aceite de oliva extra é mellor? Contén mellores acedos grasos, pero tamén é o que ten o punto de fume máis alto: é capaz de soportar temperaturas máis altas antes de empezar a queimarse e deixar se der saudable», detalla Barciela. Todo isto, sen deixar de gozar. «Nun experimento vemos como, cambiando a posición dos doces nun prato, este vólvese máis ou menos atractivo», apunta Barciela. A comida, lembra, tamén é cultura.