O Concello de Sada anuncia a súa incorporación ao proceso civil

T. Silva SADA

A Coruña

Marcos Míguez

Invita a Xunta a presentar no procedemento «tal e como foi acordado no pleno do Parlamento de Galicia»

11 jul 2019 . Actualizado ás 13:50 h.

A través dun comunicado, o Concello de Sada acaba de mostrar publicamente a súa «satisfacción» polas novidades xurídicas respecto ao pazo de Meirás. «Vimos reclamando do Goberno do Estado dende xuño de 2018, que se presentase a demanda civil que permitise recuperar para o patrimonio público o pazo de Meirás xa que non se podía tolerar que, por hixiene democrática e respecto á memoria histórica e as vítimas do franquismo, tiveran diferente tratamento o Valle dos Caídos e a detentación do Pazo de Meirás por parte dos herdeiros do ditador Franco».

Sinalan que a Avogacía do Estado expón na súa demanda «unha acción de nulidade do título de propiedade de Franco (por negocio simulado fraudulento) e a incorporacion do pazo de Meirás ao Patrimonio do Estado, «estratexia xurídica que foi a que sempre defendeu o Concello de Sada na Comisión de expertos nomeada polo Parlamento de Galicia e que deu lugar a un informe xurídico que serve de base a demanda que ven de pesentar a avogacía do Estado», indica o comunicado. Inclúese que a demanda sexa anotada preventivamente no rexistro da propiedade para evitar ante un posible alleamento ou comprador non poder alegar que o inmoble foi adquirido de boa fe.

«O Concello de Sada incorpórase ao proceso civil como coadxuvante adhesiva polo cal no primeiro pleno ordinario a celebrar polo pleno da corporación levarase como un dos puntos da orde do día o personamento do Concello á demanda civil», engade o comunicado, que insta tamén á Xunta a presentarse en tal procedemento, «tal e como foi acordado polo pleno do Parlamento de Galicia».