Vivir o San Xoán

Xosé Alfeirán A Coruña

A Coruña

DESCARGA DE SARDINA PARA SAN JUAN EN EL MUELLE DE A PALLOZA
DESCARGA DE SARDIÑA PARA SAN XOÁN NO PEIRAO DA Palloza ALBERTO MARTI VILARDEFRANCOS

Ritos propiciatorios para librarse do mal e protexerse ante os días escuros son algunhas crenzas asociadas á festa

24 jun 2019 . Actualizado ás 02:35 h.

Todos os anos, desde tempos inmemoriais, na Coruña, como noutros moitos lugares, celébrase o San Xoán. Un tópico, reiterado polo neopanteísmo superficial, considera que a festa é a cristianización da celebración do solsticio de verán no hemisferio norte. Pero as datas no coinciden, o solsticio oscila entre o 20 e o 22 de xuño e o San Xoán é o 24. Ademais as crenzas milenarias son complexas e mudan coas sociedades que as viven.

Segundo a tradición cristiá san Xoán Bautista naceu seis meses antes que Cristo. As súas nais, Isabel e a Virxe María eran primas e, segundo os evanxeos, as súas concepcións foron milagrosas. Fixado pola Igrexa o Nadal o 25 de decembro, conmemorase o 24 de xuño o nacemento de san Xoán, o que con auga bautiza e purifica e o precursor que anuncia a chegada do mesías, a luz que salva fronte ao pecado e trae a promesa da resurrección.

Simbolicamente preludia e da esperanzas, xusto nos momentos iniciais en que as noites empezan imperceptiblemente a medrar e a natureza e a vida a murcharse, de que ao final chegará o renacer simbolizado no Nadal e no crecemento dos días.

Ritos ancestrais

Ao seu culto asociáronse, por simbiose e asimilación, ritos populares ancestrais relacionados co lume, a auga, o resío, as herbas, a fertilidade, o renacer e a protección fronte ao mal. Polo seu carácter propiciatorio, a súa festa é vitalista e nela participan todos, por aldeas ou barrios, xa que cada individuo debe realizar os seus ritos se quere vivir preservado fronte aos males, físicos e espirituais, que o axexan nos días de escuridade que van vir. Isto fíxoo un santo moi popular. En Galicia vai despois de santa María, san Pedro e Santiago, existindo máis de duascentas parroquias coa súa advocación. Na Coruña houbo, ata 1842, unha antiga ermida co seu nome na rúa de San Xoán e ata finais do século XVI, segundo o historiador Ismael Velo, foi o patrón da cidade.

Desde o século XIX temos testemuños da súa celebración na cidade. Por eles sabemos que a festa foi perdendo os seus rituais curativos de certas enfermidades e tamén o costume de tentar ver «bailar o sol» ao amencer dese día comendo fresas de Oza. En cambio mantívose con forza nos barrios, ata a década de 1970, o saltar as «lumeiradas» un número impar (considerado de bo augurio polos romanos) de veces: 7 ou 9.

Facíase primeiro desde unha dirección e despois desde a contraria e sempre recitando: «salto a lumeirada de San Xoán, para que non me trabe nin cobra nin can». Deste xeito, as chamas e o fume servirían de protección fronte á maldade, á enfermidade e ao pecado simbolizados por dous animais que poden causar a morte co seu veleno ou a rabia. Ao mesmo tempo expresaba os desexos de purificación, de vivir san e de librarse dos meigallos. Algúns tamén botaban ao lume mobles vellos da casa ou un pano persoal usado coa esperanza de queimar todo o malo e dar paso á renovación vital. Así mesmo conservouse o costume de lavar a cara ao espertar coas herbas de San Xoán, que estiveran en auga toda a noite ao fresco, para limpar e purificar a pel e afastar o mal de ollo.