Inés Rey : «A Coruña non se pode permitir estar máis tempo parada, ten que haber diálogo»

Eduardo Eiroa Millares
Eduardo Eiroa A Coruña / LA VOZ

A Coruña

CESAR QUIAN

A política socialista considera un orgullo ser a primeira rexedora, e un reto, a procura de estabilidade e consensos

17 jun 2019 . Actualizado ás 08:29 h.

Desde este sábado é a primeira alcaldesa da cidade en democracia. Avogada de profesión, Inés Rey García (A Coruña, 1982) deu o salto á primeira fila o pasado outono. Fai sete meses impúxose nas primarias do seu partido e iniciou unha carreira cara ás municipais que culminou onte, cando tomou o bastón de mando nun abarrotado salón de plenos. Militante do PSOE desde a súa mocidade, nunca, ata agora, ocupara cargos públicos. Onte saíu como alcaldesa de María Pita e coa responsabilidade de gobernar a cidade cos seus nove concelleiros. Mañá, ás nove, estrea despacho.

-Que supón ser a primeira muller alcaldesa en democracia?

-Supón romper un teito de cristal importantísimo. Hai 40 anos eu nin sequera nacera. Ser a primeira alcaldesa nunha cidade que ten nome de muller, e que ten heroínas como María Pita ou como Inés Debén, é un orgullo para min e para as coruñesas e para todas as concelleiras que me precederon en anteriores corporacións.

-Que supón ser alcaldesa?

-É unha enorme responsabilidade, porque o reto por diante é moi importante, estou moi ilusionada e con moitas ganas de empezar a traballar xa, mañá pola mañá.

-Impón moito María Pita?

-Aínda me perdo. Impón, pero non é algo inabarcable. Impón polo que supón, polo respecto profundo de gobernar esta cidade. Teño que agradecer a acollida dos traballadores municipais, que foi excelente. Sentinme fenomenalmente tratada.

-Tivo 17 votos na investidura, pero non están garantidos nos plenos que virán. Como vai ser este mandato?

-Iso evidencia que hai unha maioría progresista na corporación coa que hai que estar en permanente diálogo, pero non só con eles, senón tamén co resto de forzas. Agardo que este mandato sexa o dos consensos e o diálogo. Hai proxectos para a cidade que teñen que estar por amais de cuestións partidistas. A política municipal non deixa de ser a xestión diaria da vida dos teus veciños, e moitas veces hai que pórse un pouco por amais para defender os intereses da cidade. A miña posición como alcaldesa é a defensa dos intereses da Coruña e de todos os coruñeses, e iso é tamén ir da man co resto de forzas, que estean comigo nos grandes proxectos. Desde a discrepancia política á coincidencia máis grande, temos que sentarnos a falar. Non pode ser un mandato bronco. Cando iso pasa a cidade párase e A Coruña non se pode permitir estar parada máis tempo, e sobre todo cando un goberna en minoría ten que facer un exercicio amplo de diálogo, e demostramos que somos capaces de facelo.

-Cal é o primeiro reto?

-Hai determinados asuntos que hai que desatascar, á xestión municipal ímoslle dar un impulso forte en determinadas áreas que sufriron atrasos considerables estes últimos anos. Hai que acometer un plan integral de limpeza e de embelecemento urbano, porque na Coruña se evidencia un deixamento no coidado dos espazos públicos, e como dicía Tenro, a cidade é a casa de todos e témola que coidar entre todos. Temos un reto importantísimo coa mobilidade, coa sustentabilidade, temos que sentarnos para falar de como queremos que sexa a fachada marítima. Estou a agardar a que se conforme xa o Goberno de España para poder empezar a chamar aos ministros correspondentes e pedir que se desbloqueen as grandes infraestruturas. O viario 18, a fachada marítima, a conexión da AP-9 con Alvedro... Unha das miñas primeiras chamadas será para falar do futuro industrial da cidade, con Alcoa, Isowat e Ferroatlántica. Iso está na miña axenda máis inmediata.

-A primeira viaxe, a Madrid?

-Pois non se se será o primeiro, pero as primeiras chamadas si, non se se irei antes alí ou a Santiago, que o teño máis preto, a Xunta ten que ter un papel importante en moitas cuestións. A intermodal é un dos grandes proxectos, pero tamén o centro de saúde de Santa Lucía, e quero a implicación da Xunta. É fundamental recuperar o diálogo institucional e implicar a todas as Administracións públicas no desenvolvemento da cidade.

-Santa Lucía, con centro de saúde?

-Si, porque é o que levan tempo demandando.

-O PSOE goberna despois de oito anos. Como se ve a volta desde o partido?

-No 2011 perdeuse inxustamente a alcaldía porque Losada fixo un magnífico traballo. O PSOE volve e os cidadáns tiñan ganas de que volvese. Cando A Coruña avanzou, mellor estivo e foi un referente, foi sempre con gobernos socialistas. Agardo estar á altura do reto.

-Que lle gustaría sumar na cidade neste mandato? Un proxecto que deixe feito Inés Rey .

-Gustaríame seguir apostando polas políticas sociais, culturais, o desenvolvemento urbano e ambiental pero con proxectos novos. Hai que renovar os contidos dos museos científicos, hai que falar da colección do MAC, pensar nun futuro para o cárcere, construír algunha escola infantil, continuar coa rede de centros cívicos. E teño unha aposta importante polo deporte, un dos eixos do novo goberno. Faremos un campo de rugbi que agora non hai, apostaremos pola fábrica de armas e as TIC, por acabar o paseo marítimo... Hai moitísimos por facer para os próximos anos.

-Para todo iso fai falta aprobar orzamentos en data. Será posible sen maioría?

-Aprobalos e executalos. Creo que se pomos esa vontade de diálogo e de consenso, non pode ser moi difícil. Hai máis puntos en común que diferenzas cando falamos de cidade. Os programas electorais teñen moitos puntos de coincidencia. Temos que partir de aí, do consenso. Creo que seremos capaces de conseguilos.

-Cre que a Marea podería practicar algún tipo de política revanchista?

-Non o creo. Non tería sentido. Falei con eles estes días, e tiven un encontro con Ferreiro, para o traspaso, moi cordial. É un tempo novo e todos temos vontade de non repetir erros e de non enfrontarnos inutilmente, porque non gaña nada a cidade. Temos que tratar de acadar acordos polo ben da Coruña.

-Aínda pode haber pacto de goberno ou tratarán de pasar os catro anos chegando a acordos puntuais?

-Non se pecha a porta a nada, pero o que me interesa é a estabilidade e a xestión. Como se lle chame ou a forma que se lle dea, neste momento non é o máis importante. Poden ser acordos anuais, de mandato, de bases... Non me importa tanto o nome como o que quero conseguir, esa estabilidade para sacar adiante os proxectos.