Piden 3 anos para o acusado de lanzar un vaso a unha camareira tras fuxir por facer un «simpa»

a. mahía A Coruña / LA VOZ

A Coruña

XAIME RAMALLAL

O home, que será xulgado a próxima semana, pretendía irse sen abonar 400 euros

15 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Bebeu ata que se cansou. De 400 euros era a factura. Pero á hora de pagar, colleu a porta do bar e foise. A camareira, ao velo, saíu correndo tras el. Berroulle e o home, lonxe de dar a volta e abonar o que consumira, lanzoulle un vaso á cara causándolle importantes feridas. Non foi moi lonxe. Pronto o detiveron. Cóntao a acusación pública no seu escrito de cualificación e a semana que vén será xulgado na sección primeira da Audiencia Provincial. A fiscalía impútalle un delito de lesións e outro de estafa. Polo primeiro, pide que sexa condenado a tres anos de prisión. Polo segundo, a unha multa de 900 euros.

Os feitos polos que este home acabou no banco dos acusados remóntanse ao 17 de xullo do 2017. Aquel día, o agora procesado pasara a tarde enteira bebendo sen parar. Do mellor que había no negocio. E a iso das 21.30, cando xa estaba ben servido e tocaba pagar o festín, levantouse e foise.

A camareira, que xa estaba á espreita porque se temía o que ía pasar, saíu tras ela á carreira. Berrándolle, esixindo que lle pagase a conta. O home, segundo a Fiscalía, deuse a volta, dirixiuse á empregada do establecemento e lanzoulle á cara un vaso que se levou do bar.

Como consecuencia da agresión, a traballadora sufriu unha contusión na pirámide nasal con ferida incisocontusa. As lesións precisaron para a súa sanidade de tratamento médico consistente en sutura e curas locais. A muller sandou aos seis días dos feitos, quedándolle como secuela unha cicatriz na zona dorsonasal, cun prexuízo estético moderado.

A vítima reclámalle ao acusado unha indemnización polos danos sufridos e o establecemento do que se foi sen pagar a factura esixe que o home lle abone os 400 euros que lle debe. O xuíz será quen determine a contía.

Malversación

A Audiencia Provincial tamén xulgará a próxima semana a un home acusado dun delito de malversación de caudais públicos. O Ministerio Público esixe para este individuo cinco anos de cárcere. A acusación sostén que transmitiu 36 vehículos que lle foron embargados a terceiras persoas. Ademais, o fiscal demanda que indemnice á Seguridade Social con 165.427 euros.