Case 400 firmas apoian a xestión do comedor no CEIP de Tarrío

Elena Silveira
Elena Silveira CULLEREDO

A Coruña

EDUARDO PEREZ

Pais e nais que atenden o servizo negan unha mala atención aos nenos

15 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O claustro de profesores, o consello escolar, persoal colaborador do centro e a AMPA do CEIP de Tarrío emitiron onte varios comunicados para mostrar o seu respaldo á xestión do centro e do comedor escolar. A directora, Ana Liñares, confirmou que xa se recolleron preto de 400 firmas de apoio e as críticas dalgunhas familias por mala atención aos nenos na hora da comida «non é certa».

No seu escrito, os pais e nais voluntarios que atenden o comedor explican que non puideron constatar as queixas publicadas e que a atención prestada ao alumnado réxese por un mínimo de respecto e comportamento e que se fomenta unha educación «seguindo as normas do centro coma se dos nosos propios fillos tratásese». Engaden: «Non se pode permitir que a hora para comer se converta nun campo de batalla sen orde. O non cumprilas, do mesmo xeito que en calquera fogar, implica reprimendas», indican. Os voluntarios queren disipar «especulacións e calumnias» xa que o labor que realizan ten como principal obxectivo «o coidado, benestar, educación e bos hábitos do alumnado, baixo a coordinación e supervisión da directiva e profesorado escolar».

Tamén o claustro de profesores considera que as críticas dalgúns pais polo trato aos alumnos «non responden á realidade deste colexio, que disfruta dun bo clima de convivencia» e que non teñen constancia de ningún caso de acoso escolar ou malas prácticas no comedor. Neste sentido tamén se manifesta o consello escolar noutro comunicado, insistindo en que «non ten chegado ningunha queixa» respecto diso e que están abertos «a escoitar propostas e suxestións que nos leven a mellorar, pero se enfrontará con contundencia a calquera intento de desprestixio do centro ou de distorsión do bo clima de convivencia». A AMPA, pola súa banda, agarda que «a opinión duns poucos pais non consiga embazar o labor» do centro educativo.