O 49 % dos diagnósticos de VIH na área coruñesa seguen sendo tardíos

R. Domínguez A Coruña / LA VOZ

A Coruña

CÉSAR QUIAN

Expertos en sida avogan por estender as probas de cribado para adiantar os tratamentos

01 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Seguimos tendo un diagnóstico tardío no 49 % dos casos», recalca Anxos Castro Iglesias , médica da Unidade de Infecciosos do Chuac e invitada onte ás xornadas Sida, comunicación e sociedade, organizadas polo Comité Anti-Sida da Coruña, Ás e Social Docs na Fundación Luís Seoane. Esta tardanza non é exclusiva da área coruñesa, sucede así «no resto de Galicia e en España», apunta a doutora, e constitúe unha das preocupacións do colectivo médico: «É importante actuar para diagnosticar antes, ofrecendo as probas de cribado en todos os centros asistenciais e en puntos onde acoden as persoas máis vulnerables a adquirir esta infección», propón a especialista.

«O reto actual é diagnosticar canto antes e tratar o máis rápido posible», explica, posto que os tratamentos actuais non só son «moi eficaces e seguros», senón que «ao tratar ao paciente non só melloramos o seu prognóstico, ademais estamos a evitar novas infeccións», insiste.

A doutora aproveitou o foro para comentar a súa experiencia, as dificultades dos primeiros momentos da epidemia e como se viviu aquela época «con todos os medos que había, non só dos pacientes, senón nosos», sinalou a especialista.

A vertente social, os tabús que aínda rodean á infección, a estigmatización dos afectados, o tratamento do VIH nos medios ou na publicidade, ou a discriminación sociolaboral foron algúns dos temas abordados nas xornadas, inauguradas onte coa asistencia de Xurxo Hervada, subdirector de Información sobre Saúde do Sergas, e que continuarán hoxe reivindicando o activismo exercido polo coruñés Tomás Fábregas, un símbolo da loita polos afectados en EE. UU. Entre os relatores que estes días achegan a súa visión están, ademais da doutora Castro, Domingo Díaz, autor do documental sobre Fábregas; Eulalia Mata, de Sida Studi; Ferrán Pujol, do check point de Barcelona; Raquel Sebastián, de ; Traballando en PositivoJoaquim Roquetas, director da primeira oficina LGTBI; Toni Poveda, de Cesida; ou Sonia Valbuena e Rubén Alexandre, de Casco.