Fin de semana de paixón manga

La Voz

A Coruña

EDUARDO PEREZ

ExpOtaku celebra o seu décimo aniversario con máis de 280 actividades ao longo de tres días

24 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ata o • domingo De 10.00 a 21.00 horas • Entradas para cada día: 6 euros (Bono dous días: 11 euros. Bono 3 días: 15. Menores de 5 anos: gratis) • Os amantes do cómic, o manga, o anime, os videoxogos, cine, series e a cultura pop xaponesa en xeral teñen a partir de hoxe e ata o domingo unha cita en Expocoruña. E non unha cita calquera, xa que ExpOtaku acada a súa décima edición cun programa que inclúe máis de 280 actividades ao longo de tres días, desde concursos de cosplay para os que desexen acudir disfrazados, ata karaoke en xaponés, dance cover e unha trintena de torneos de videoxogos.

 A feira do manga ocupará 7.500 metros cadrados no recinto, onde se instalarán máis dun centenar de expositores e unha ampla zona para actuacións musicais, concursos, conferencias, demostracións, fanmeetings, e masterclasses. Haberá tempo para proxeccións, retos e torneos agrupados en doce zonas temáticas, talleres de estética asiática, de cultura coreana, de quidditch, sabres láser, esgrima histórica ou Star Wars que incrementan a oferta do certame, que o ano pasado reuniu a case 25.000 visitantes.

  

Invitados especiais

Ademais, nesta edición crece o espazo dedicado aos artesáns, ilustradores e mozos creadores, xa que 70 expositores mostrarán desde debuxos orixinais de novos autores ata creacións de ourivaría steampunk e traballos con cristal, madeira ou téxtil. Os cosplayers Askal, Ayuru, Kujalice ou Geheichou figuran na lista de invitados a este certame, ao que tamén está previsto que acudan o artista musical Woo Jawon, e os actores de dobraxe Rafael de Azcárraga (Kratos.God of War), e David Carrillo, José Luis Angulo e Laura Pastor, que puxeron voces na saga de Harry Potter.