O debate final desata as hostilidades dos candidatos á alcaldía da Coruña

E. Eiroa / X. Gago A Coruña / LA VOZ

A Coruña

Ferreiro, Mato e Rey prodigáronse en ataques mutuos con Jorquera pedindo serenidade. Participa na nosa enquisa: Quen gañou o debate?

23 may 2019 . Actualizado ás 13:11 h.

A catro días das municipais os portavoces que se xogan a alcaldía subiron o ton no debate de final de campaña organizado este mércores por La Voz e Radio Voz. Ferreiro prodigouse nos seus ataques e críticas ao resto de partidos, particularmente ao PSOE e ao PP

A cita, dirixida polo xornalista Pablo Portabales, non só tivo un carácter bronco entre os candidatos, os seguidores da Marea presentes entre o público apuparon a algúns dos intervinientes. «Deixádeme falar a min e a todos», pediu o nacionalista Francisco Jorquera reclamando educación e respecto. Os enfrontamentos evidenciaron que non será doado unha política de pactos tras o 26 de maio.

Ferreiro fixo unha primeira intervención na que criticou a La Voz de Galicia, aludindo á publicación dunha fotografía na web na que saía el cos seus fillos, menores de idade. A instantánea tomouse nun acto público da Marea Atlántica e publicouse sen que La Voz soubese que se trataba dos seus fillos. A imaxe retirouse de inmediato cando mediante un chío do propio Ferreiro o xornal tivo coñecemento dese feito.

O debate organizouse en cinco bloques temáticos. En ningún deles albiscouse acordo e sintonía entre as partes, con Xulio Ferreiro (Marea) atacando a Beatriz Mato (PP) e a Inés Rey (PSOE) e estas respondendo -Mato con maior virulencia- e Francisco Jorquera (BNG) e Mónica Martínez (Cidadáns) alleos aos enfrontamentos.  

Como está a limpeza e o mantemento da cidade?

Na limpeza e o mantemento da cidade houbo, case, unanimidade. A urbe está sucia e falta atención ao espazo público segundo todos os candidatos, menos Ferreiro. «Só hai un coruñés que non o ve, vostede», díxolle Beatriz Mato a Ferreiro. Segundo leste, a xente fíxase máis agora neses detalles porque xa non ten que preocuparse pola situación de urxencia social. «Vostede negaba que houbese un problema coas pintadas, a súa percepción sempre vai por detrás da realidade», dixo a socialista Inés Rey . «Acabaron desatendendo cuestións básicas que teñen que ser do día a día», dixo Jorquera. Para a número uno de Cidadáns, Mónica Martínez, «é un clamor o estado de semiabandono de moitos barrios». Ferreiro lembrou que hai un novo contrato en marcha e que tamén houbo folgas de lixo con PP e PSOE. «Ao día seguinte das eleccións a cidade xa estaba máis sucia», apuntou Ferreiro en referencia a que ese tema aflorou tras perder o PP a alcaldía. 

Con quen pactará se non hai maioría o vindeiro domingo?

«Nós sempre somos respetuosos, aquí hai simpatizantes do Bloque que están escoitando e deixando falar», insistiu Jorquera aos simpatizantes da Marea que interrompían o debate apuntando, ademais, que con esa actitude «se sementan minas para despois das eleccións». En canto a pactos, Jorquera apuntou que non permitirán gobernos de dereitas pero «os próximos catro anos non poden ser máis do mesmo». «Somos un partido moderado aberto ao diálogo», dixo Mónica Martínez. «Levo catro anos tentando liderar unha maioría de progreso e creo que o PSOE non estivo á altura», atacou Ferreiro ao seu potencial socio. «O PSOE regaloulle a alcaldía e é corresponsable destes catro anos», dixo Beatriz Mato asegurando que só falará, se hai que facelo, con formacións moderadas. Inés Rey pide o voto «para non depender de ninguén e evitar á dereita e aos últimos catro anos da Coruña estancada». A rifa reavivouse coa alusión de Mato á imputación da concelleira Claudia Delso. «Non quero pactar con alguén que leve imputados na súa lista», dixo da Marea, rexurdindo o alboroto no abarrotado auditorio. «Que o PP diga que non vai falar cun partido con imputados...», dixo Jorquera. Mato lamentou que para a Marea haxa «corrupción boa e corrupción mala». Rey tamén cargou contra Ferreiro, que se erixiu como o defensor da cidade contra a dereita: «Que vostede, que aínda non sabemos a quen votou, teña o valor de dicir que á dereita a parou a Marea.. Á dereita parouna o PSOE, e fale con máis respecto do PSOE, do que ten moito que aprender», díxolle. 

Que será de Alfonso Molina e as grandes infraestruturas?

«Nin a Xunta nin o Goberno se comprometeron suficientemente», dixo Ferreiro sobre o investimento en grandes infraestruturas. «Nós somos os únicos cun modelo de cidade, outros teñen un modelo de negocio», dixo Ferreiro. «A Marea ten unha falta absoluta de humildade», reprochoulle Jorquera sobre tal afirmación, ofrecendo un goberno local firme que poida dialogar e demandar ante outras Administracións para conseguir investimentos. «A intermodal bloqueárona a Marea e o PP por intereses partidistas», dixo Inés Rey ofrecendo a cambio un «contrato verbal con Pedro Sánchez» para desbloquear as grandes infraestruturas. «Ir de vítima e de mártir está fóra de lugar», dixo Mato a Ferreiro, e lembroulle que se fixeron obras de ampliación da AP-9 en Vigo e Santiago e intermodais en cidades onde gobernan formacións de distintas cores. «Hai unha incapacidade manifesta de entenderse por parte da Marea», dixo. Á falta de entendemento apelou tamén Mónica Martínez. 

Que fai falta en política social?

«Este é o primeiro goberno local que non construíu nin unha escola infantil municipal», criticou Inés Rey a Ferreiro, asegurando que o seu partido leva a política social no ADN. Para Jorquera, a ausencia dun plan de vivenda social «foi o fracaso máis estrepitoso» da Marea. Mato lembrou que en plena crise, sendo ela conselleira, na Coruña abríronse dúas garderías e dous centros de día. «A renda social é unha boa idea, pero mal executada», dixo a popular. Ferreiro asegurou que A Coruña é líder en Galicia en investimento social por habitante e asegurou que dobraron as bolsas de comedor e abarataron as garderías. «A renda social precisa melloras», dixo Jorquera. 

Cal é o futuro da fachada marítima?

Para Mónica Martínez é o gran reto nos próximos anos. «Non queremos o pelotazo pensado no 2004», dixo. Segundo Mato, o feito pola Marea nese campo «hase traducido en nada». Para Ferreiro «foron o PSOE e o PP quen quixo vender San Diego ao mellor postor». Inés Rey (tamén Martínez) puxo como exemplo a seguir o modelo de Bilbao e todos, menos o PSOE, reclamaron que o Estado condone a débeda ao Porto para non hipotecar o chan do porto interior. Jorquera quere un porto cento por cento público e aproveitar a infraestrutura ferroviaria e Mato lembrou que só Feijoo ofreceu 20 millóns de euros para o porto e lembrou a quen defenden o modelo de Bilbao que alí tamén se venderon terreos para pisos e centros comerciais.

Así foi a intervención dos candidatos