Quen por PPon e por PdV?

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas CRÓNICAS CORUÑESAS

A Coruña

EDUARDO PEREZ

25 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Non hai como ser novo para revolucionalo todo, sobre todo a linguaxe, e non hai como ser nova para innovar o idioma con expresións que che deixan K.O. Por iso é imprescindible achegarse a un millennial para entender que aquel principio da economía da linguaxe que nos ensinou Martinet funciona no século XXI cunha eficacia a proba de Instagram, tamén neste código coruñés no que nos manexamos nesta cidade.

 Cóntollo por se algún está perdido e non é capaz de dar resposta á pregunta «Quen por PPon?», que de súpeto lles expoña un mozo. PPon non é un lugar estraño nin un novo pub no que se reúnan a media tarde, senón que é o nome que usan agora para designar á praza de Pontevedra. Si. A praza se nos ha ir achicando nesa abreviatura cómoda para escribir por WhatsApp ou por Instagram, e que debe a súa orixe, segundo algunhas fontes consultadas, á forma na que aparece escrita na parte superior dos autobuses.

O caso é que PPon ha ir callando como expresión útil na lingua coloquial, así que non se estrañen se de súpeto a empezan a escoitar pola rúa coa normalidade que lle dan os millennials a todo. Para eles a abreviatura non ten discusión, salvo unha, e é que para algúns é tan común que creen que non houbo outro nome antes. Imos, que PPon é PPon de toda a vida. Se por vida entendemos os 15 anos dos adolescentes, que todo o miden segundo a súa rapadoira. Non quero ser aguafiestas para toda esa xeración zeta que atopa en PPon todo un universo, e menos se son capaces de defender ese termo con tanta vehemencia. Pero como a lingua é contaxiosa, deume por preguntarlles se tamén falan de PLu, ou PepeLu para referirse á praza de Lugo. «Non, non, -contestáronme-, falamos de PPon e de PdV [que xa se imaxinan, é a abreviatura de praza de Vigo]».

A min o que me gusta deste código supermínimal e superreducido é ese xeito de buscarse e atoparse os adolescentes, que coma se estivesen a cazar Pokémons, reclámanse coa esencialidad da frases curta -«Quen por PPon?»-, á espera de que outro ser que comparta o seu mesmo linguaxe (e intereses) responda rápido: «Eu en PdV».

E, claro, xa me entrou esa graza de imaxinarme á miña xeración, que é moito máis anterior, e está marcada cunha x, nese berenjenal de reproducir o mesmo esquema sen moito éxito. Porque, non o podemos negar, a nosa versión da Coruña é moito máis estendida, rocambolesca e máis difusa: Quen por onde estaba o cine Coruña? Quen á altura do Pote? Quen na esquina do Pincel, onde estaba César Blanco ? A nosa praza de Pontevedra ten tantas versións como os nosos recordos pantasma. Calquera día, sen buscarnos, cruzarémonos seguro en PPon.