Homenaxe aos cineastas Jonas Mekas e Jeannette Muñoz no (S8)

La Voz

A Coruña

O festival de cine celebrarase na cidade entre os días 31 de maio e 9 de xuño

18 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa está ao virar a esquina unha nova edición -a décima- dunha das citas cinematográficas inescusables da cidade: a Mostra Internacional de Cinema Periférico (S8). Desde o venres 31 de maio ata o domingo 9 de xuño o festival contará cun programa especial para festexar o seu décimo aniversario no que, baixo o título de Vellos e novos amigos, achegará á cidade a obra de cineastas invitados en pasadas edicións, ademais de novas pezas de creadores afíns á selecta liña que segue a mostra.

Entre eles está a chilena Jeannette Muñoz, un dos grandes nomes do cine experimental e de vangarda, que impartirá un taller titulado Todo depende do cristal co que se mire, dirixido a nenos e mozos con diversidade funcional, no que os asistentes participarán no proceso de creación de fragmentos cinematográficos de xeito colectivo.

Doutra banda, o festival renderá tributo a Jonas Mekas, o coñecido como padriño do cine underground, falecido o pasado mes de xaneiro. O legado do cineasta, tanto polas súas películas como polos seus escritos, está presente nos traballos de infinidade de directores que lle recoñeceron como influencia directa. Precisamente, no programa especial do (S8) exhibiranse pezas dalgúns destes creadores, como Marie Menken, Hollis Frampton, Jack Smith ou Larry Jordan, entre moitos outros.