Mercedes Casanova: «Cando facemos unha campaña a xente non mira para outro lado»

T. S. A Coruña / LA VOZ

A Coruña

Alina Espiño

A presidenta provincial considera «positiva e colaboradora» a actitude da xente ante os voluntarios de Cruz Vermella

15 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Está acabando o «mandato» para Mercedes Casanova, presidenta de Cruz Vermella na provincia da Coruña, unha persoa que pasou por todos os niveis da institución solidaria. En breve comezará o proceso de renovación de cargos directivos, tras marcar desde Cruz Vermella nacional as liñas mestras para os próximos catro anos.

 -Ignoramos a pobreza que nos rodea?

-Ignoramos moitas historias. Ás veces o que vemos non é a realidade do que vive un neno ou unha nena na súa familia.

-Somos máis ou menos solidarios que os últimos anos?

-Coas campañas a resposta sempre é moi positiva, cando nos ven, é unha actitude positiva e colaboradora, non miran para outro lado, entenden que as persoas que están alí son voluntarios e que o destino do que se recolle é para familias que pasan situacións complicadas

-Cruz Vermella é unha marca tan consolidada que non se ve afectada por algunhas oenegués fraudulentas.

-Temos 150 anos de historia, intentamos traballar coa máxima transparencia económica e técnica para que socios e doantes teñan esa confianza. Tanto os cargos directivos como o persoal técnico debemos ser o máis escrupulosos posibles porque sabemos que nos xogamos a confianza das persoas que creen na nosa acción. É algo moi serio. Ben é verdade que todas as organizacións extreman máis os seus controis en transparencia e as súas finanzas, o que non podemos facer é xerar desconfianza.

-Pódese falar de graves carencias nutritivas en menores?

-Hai casos de carencias notables. Por iso procuramos que teñan as catro comidas que permitan o seu desenvolvemento físico e intelectual, unha achega de lácteos, froitas, cereais… Intentamos chegar a esas familias cos fondos europeos, non só repartimos como Cruz Vermella, somos xestores tamén. E as familias que teñen nenos complementamos esas reparticións con alimentación específica para nenos.

-E engádense campañas como Almorzos #ConCorazón.

-A función foi recoller alimentos e repartilos, concienciar e sensibilizar de que na nosa contorna hai nenos que sofren esas carencias, pero a maiores hai un traballo constante todo o ano con nenos e nenas que nuns casos, no ámbito escolar, outras veces en campamentos, dependendo da casuística de cada familia. O caso é que se traballa dun xeito constante porque a alimentación é básica.