Albiscando o paraíso desde a Torre

Xosé Alfeirán

A Coruña

A viaxe lendaria de Trezenzonio á Illa Grande de Solistición, oculta no océano

01 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

É un relato místico. Trata da viaxe espiritual, da procura persoal, da peregrinación en soidade, de entrever o sobrenatural, do máis aló, do goce no paraíso e da imposibilidade de telo no medio da podremia da vida. Remóntanos a un tempo pasado antigo e medieval, a unhas crenzas simbióticas, cristiás e pagás, a un espazo, a esquina noroccidental de Europa, e a un lugar emblemático, a Torre que hoxe chamamos de Hércules e antes faro romano de Brigantium.

Non sabemos quen o escribiu, nin en que ano. Segundo o medievalista Manuel Díaz e Díaz, que foi o primeiro en estudalo na súa obra Visiones do máis aló, talvez fose a comezos do século XI, ou talvez antes. Narra a historia dun home, Trezenzonio , que conducido polo destino, vagaba en solitario por Galicia na época posterior á invasión musulmá (do 711). Non había ninguén. Tras divisar a súa alta cima, encamiñouse cara ao faro de Brigantium. Subiu ata a súa cúspide e alí atopou un espello de gran tamaño e brillo. Nel, a luz do sol reflectía canto había no mar. E mirando, tivo unha revelación: albiscou, entre as afastadas ondas, unha illa. Decidido a ir a ela, construíu unha barca e penetrouse no océano. Chegou san e salvo. Percorreu a illa durante 8 días. Cifra non aleatoria, senón simbólica, pois, segundo o Libro dos Números atribuído ao bispo Isidoro de Sevilla, reflexa para os cristiáns a esperanza da eterna resurrección. Alí atopou unha gran igrexa que ocupaba 300 estadios (51 kms). Outro simbolismo numérico: era a lonxitude da arca de Noé e representa a fe da Igrexa onde se atopa a multitude dos santos; ademais, en grego exprésase coa letra tau (T), a cruz de Cristo. Dentro, nunha columna de mármore estaba escrito: basílica de Santa Tecla e Illa Grande de Solistición, talvez co significado do sol estacionario, porque nela o tempo está inmóbil. Trezenzonio, nome que podería proceder de trecenti-, trescentos, permaneceu na illa sete anos, número asociado ao eterno descanso e ao Espírito Santo. Durante ese período gozou dunha existencia marabillosa, sen fatigas, sen tristeza, sen fame, sen temor nin pensamentos sórdidos, rodeado de beleza e perfumes indescritibles e escoitando coros de anxos e bienaventurados: está nunha illa paradisíaca. Pero non pode permanecer máis nela, sendo obrigado a marchar, xa que aínda é mortal. Embarcado de novo e empurrado cara á costa, retorna preto do faro que atopa en parte destruído e a Galicia agora poboada polo paso do tempo terreal. Marcha e chega a Tuy, faltando o final da historia.

Unha metáfora sobre o paraíso e os seus goces. Pero tamén recolle crenzas máis antigas, de orixe céltica, pero tamén greco-rromanas, que falan da existencia, fronte ás costas do occidente europeo, das illas dos mortos, dos bienaventurados, do paraíso, do sol, ás que uns poucos, como Trezenzonio, San Brandán ou San Amaro, atrévense a ir e cuxos relatos seguen emocionando.

Historias con historia

Trezenzonio cando regresa atópase o faro en parte destruído e Galicia poboada