O dono da casa que se calcinou en Vixoi, ferido ao intentar sufocar o incendio

La Voz BERGONDO / LA VOZ

A Coruña

Un veciño alertou a Urxencias sobre as sete e media da tarde

16 feb 2019 . Actualizado ás 10:46 h.

A alerta dun incendio en San Fiz de Vixoi, no Concello de Bergondo, saltou onte ás sete e media no 112. Foi cando un veciño alertou dun incendio ao ver saír fume do número 23 de Pisón.

O propietario da vivenda, de 85 anos, chegou a entrar na casa e intentar sufocar, cos seus medios, o lume, pero a operación resultou imposible. Como recoñecían os bombeiros do parque comarcal de Betanzos, que se trasladaron para apagar o incendio, o intento resultou infrutuoso xa que a vivenda era de madeira por dentro e ardeu con rapidez. O propietario tivo que ser evacuado, xa que resultou con queimaduras nunha das súas pernas, aínda que desde o Concello se indicou que foi trasladado ao Chuac debido á inhalación de fume.

A casa, unha vivenda de planta baixa e primeiro piso, e con outras vivendas moi próximas, quedou totalmente calcinada, recoñecían con pesar os bombeiros. Non estiveron sos nos labores xa que alí tamén se desprazaron membros de Protección Civil, da Policía Local, da Garda Civil e os sanitarios do 061, que foron os que trasladaron ao ferido.

Desde o Concello agradeceron aos equipos desprazados o labor realizado, que evitou que o lume se propagase ás vivendas próximas e mesmo aos alpendres que ten a casa que se incendiou, e o esforzo realizado, xa que os labores de extinción levaron unhas dúas horas.