«Algo cheiraba mal», di o marido da acusada de querer matalo

alberto mahía A Coruña / LA VOZ

A Coruña

MARCOS MÍGUEZ

A muller, que se enfronta a 14 anos, denuncia que a maltrataba

07 feb 2019 . Actualizado ás 09:52 h.

O veciño de Santa Comba ao que presuntamente a súa muller quería ver morto compareceu na Audiencia Provincial para contar que algo lle cheiraba mal naquelas datas. Cando «andaba adormentado todo o día» debido aos tranquilizantes que a súa esposa lle botaba no almorzo, lembrou. Aínda por riba, as contas familiares minguaban sen xustificación algunha. «Algo ía mal», dixo un home que arrastra unha minusvalía.

O que non dixo foi que fora xa condenado en dúas ocasións por malos tratos. Foi a súa esposa a que se encargou de lembralo durante a súa comparecencia, palabras que repetiu o seu letrado, quen pediu ao tribunal que non se esquecese de que está a xulgar a unha muller maltratada durante 30 anos da súa vida e, segundo os psiquiatras, coas súas facultades limitadas debido a unha vida de humillacións e golpes.

O xuízo quedou visto para sentenza. Por unha banda, a Fiscalía, que pide para a muller unha pena de 14 anos de prisión como suposta autora dun delito de asasinato en grao de tentativa. No seu informe final, sen falar de malos tratos, insistiu en que «hai probas sobradas» de que no 2014 a acusada buscou a sicarios que acabasen coa vida do seu marido. Atopounos e fixaron o 7 de xullo do 2014 como a data do crime. Para levalo a cabo, ela botoulle somníferos no café antes de viaxar ambos os a Bergondo, onde tiñan unha cita de traballo. O home quedou durmido. Segundo o fiscal, a muller deixouno en mans dos sicarios e regresou a casa. Pero aqueles non lle tocaron un pelo. Cambiaron de plans e decidiron estafar á muller que os contratou. Así que empezaron a extorsionala. Ameazábana con ir ao cuartel a contar as súas intencións se non lles entregaba diñeiro. Aos poucos, sacáronlle 78.000 euros. Como aquilo non parecía que fose acabar nunca, a muller decidiu denuncialos. Para iso, tivo que recoñecer que os contratou, pero non para matar o seu esposo, senón só para darlle un susto.

Así foi como remataron ela e os tres sicarios no banco dos acusados da Audiencia Provincial. Os homes negaron as imputacións. Dixeron que non recibiron diñeiro algún porque non o quixeron, pois se negaron desde un principio a cumprir os desexos da acusada.

O máis sorprendente do caso foi o xeito na que a muller contactou cos outros acusados. Explicou que, farta dos malos tratos e decidida a darlle un escarmento ao esposo, preguntou a unha amiga onde podería atopar a alguén disposto a darlle un susto. Díxolle que en Carballo seguro que habería alguén. «Funme ata alí, parei a un mozo que ía en bicicleta un dos procesados-, pregunteille e díxome que el mesmo o faría».